luns, 22 de febreiro de 2021
O prazo para solicitar as axudas a autónomos e pequenas empresas do PAME III do Concello remata o mércores
A concelleira de Economía, Facenda e Promoción Económica, María Teresa Deus, lembrou que os negocios poderán optar á convocatoria ata as 23:59 horas do día 24 de febreiro
A concelleira de Economía, Facenda e Patrimonio, Recursos Humanos, Emprego, Promoción Económica, Turismo, Estatística e Edusi, María Teresa Deus, lembrou esta mañá que o prazo de solicitude da terceira convocatoria do PAME (Plan de Mantemento e Impulso da Actividade Económica) remata o mércores, 24 de febreiro, ás 23:59 horas. O procedemento é exclusivamente na web municipal (https://www.ferrol.gal/), a través da Sede Electrónica, no Portal do Cidadán. Na páxina principal da web hai un botón dedicado ás axudas PAME (https://www.ferrol.gal/Shared/Contidos/90) con toda a información para tramitar as solicitudes para esta terceira edición do plan, dotado dunha contía inicial de un millón de euros á que se engadirán 800.000 máis aportados pola Deputación.