O Concello de Ferrol está ultimando a licitación da obra
de consolidación da fachada e das medianeiras do número 32 da rúa Coruña, un soar
que se atopa invadido pola vexetación e sobre o que pesan numerosas ordes de
execución. Ante a imposibilidade de que os propietarios realizaran motu propio os
traballos necesarios, a Administración local decidiu incoar esta actuación, que se
executará de forma subsidiaria, tal e como informou esta mañá en rolda de prensa o
portavoz do goberno local, Julián Reina. “Contamos con aprobar hoxe mesmo o
proxecto para poder licitalo”, explicou o concelleiro.
Os traballos consistirán no desentullo do soar e a retirada de cascallos e de
elementos soltos que presenten risco de caída. Valorarase o estado das vigas que serven
de suxeición da medianeira co inmoble contiguo e impermeabilizaranse as dúas
medianeiras. Tamén se executarán obras de saneamento na fachada de acordo co
establecido no Plano Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) en relación ás condicións xerais de estética e integración ambiental e crearase unha soleira de formigón en toda a
superficie. Esta terá un acabado regular e garantirá a evacuación das augas cara á rede
de saneamento, evitando a afección destas augas ás edificacións ou predios lindeiros ou
á vía pública.
Beirarrúas en Serantes
Reina informou tamén do próximo inicio dunha obra para dotar dunha beirarrúa a
baixada ao campo de fútbol de Aneiros dende a avenida do 19 de Febreiro, nas
inmediacións do centro de saúde de Serantes. Se as condicións meteorolóxicas o
permiten, dixo o edil, os traballos comezarían o mércores. Estas obras inclúen a
substitución da varanda existente na rúa, no lado contrario ás vivendas sindicais, co que
se vai atender unha demanda formulada polos veciños co fin de mellorar a seguridade
viaria.
Por outra banda, hoxe reuniuse a Mesa de Contratación Permanente do Concello.
Entre as licitacións que tratou, atópase a reparación do paseo marítimo de Doniños. Da
xuntanza saíu unha nova proposta de adxudicación, logo de que a oferta de menor
importe non reunira as condicións para xustificar a baixa. Así, o concelleiro mostrouse
confiado de que a adxudicación se poida pechar definitivamente a vindeira semana. Os
contratos para os que xa se acordou unha proposta de adxudicación son os de
mantemento de elevadores, cun orzamento no entorno dos 50.000 euros anuais, e o de
subministro de gasóleo aos edificios municipais (arredor de 90.000 euros ao ano).
Xunta de Voceiros
A comparecencia de Julián Reina produciuse despois da reunión da Xunta de Voceiros
celebrada esta mañá. Nela analizouse a situación sanitaria na cidade, que foi mellorando
ao longo das dúas últimas semanas. De feito, a incidencia acumulada situouse por
debaixo dos 250. Reina informou de que a pasada fin de semana a Policía Local
tramitou 26 denuncias por incumprimento da normativa relacionada coa pandemia e apelou á responsabilidade da veciñanza para que os datos de contaxios sigan
descendendo.
A xuntanza, explicou, tamén serviu para analizar os encontros que alcaldes e
comité de empresa de Navantia mantiveron a pasada semana en Madrid con
representantes dos grupos parlamentarios e, por outra banda, para acordar que se
concretará cos sindicatos a posible programación dun acto de cara ao Día da Clase
Obreira Galega, sempre en función da situación sanitaria.