Novas

martes, 23 de febreiro de 2021

O aumento de inscritos na Oficina Municipal de Voluntariado, xa con 60 membros, motiva a celebración dun novo curso de formación básica esta semana

A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, explicou que en marzo terá lugar outro de especialización. O Concello reactivou o pasado mes de setembro o servizo municipal con ciclos de formación especializada, traballos en rede e accións propias. Os interesados en participar poden visitar a web https://www.ferrol.gal/Shared/Contidos/89 e anotarse no número de teléfono 981 944 235 ou en voluntariado@ferrol.es


O aumento de inscritos na Oficina Municipal de Voluntariado, xa con 60 membros, motiva a celebración dun novo curso de formación básica esta semana

O Concello de Ferrol vai celebrar esta mesma semana un novo curso de formación básica dirixido aos novos membros da Oficina Municipal de Voluntariado ante o aumento no número de inscritos nas últimas datas. A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, explicou esta mañá que xa son 60 as persoas que integran a oficina despois de que o goberno local reactivase o servizo o pasado mes de setembro, cando contaba con 25 persoas.

Por ese motivo o venres 26 e sábado 27 de febreiro vaise celebrar un novo curso de formación básica dirixido aos novos integrantes da Oficina Municipal de Voluntariado, que terá lugar no Edificio Social (rúa Sánchez Barcáiztegui, 35). A vontade do Concello desde a reactivación do servizo é “apostar de forma decidida por un voluntariado formado e de calidade co fin de ofrecer o mellor servizo posible aos nosos veciños”, e dita formación corre a cargo do propio Concello. Neste primeiro curso de introdución ao ámbito do voluntariado participarán como poñentes Vanessa Míguez, técnica
especialista de cooperación e voluntariado no campus de Ferrol da Universidade; Paula
Gárate, técnica en xestión de voluntariado; e Alex Santiago, técnico de Protección Civil.

Especial atención aos nosos maiores
O día 5 de marzo celebrarase outro curso, neste caso de formación especializada, tamén pola demanda dos propios voluntarios que, “unha vez que teñen a formación básica desexan seguir especializándose”, anotou a edil. Con este curso adquirirán sensibilización coas emocións das persoas maiores e ferramentas para a resolución de problemas durante a labor de voluntariado. Neste senso a concelleira manifestou que a Oficina de Voluntariado presta especial atención “aos nosos maiores”, un colectivo, dixo, que “como consecuencia da pandemia que estamos a vivir resultan os grandes prexudicados non só desde o punto de vista sanitario, tamén desde o ámbito social”. É por elo que o Concello de Ferrol está a desenvolver, entre outros programas, o de acompañamento, en coordinación con Cáritas e outras entidades.

Tamén traballo en rede e accións propia
Martínez Montero lembrou que ademais de para fomentar e dinamizar a formación dos voluntarios, a Oficina municipal de Voluntariado reactivouse a finais do pasado ano co fin de abrir unha nova liña de traballo en rede. Ferrol, dixo a concelleira, “é unha cidade moi solidaria que conta cun gran tecido asociativo, e traballando de forma conxunta e coordinada obteremos mellores resultados”. Por último, a recente reactivación contempla “desenvolver accións propias dirixidas aos nosos veciños máis vulnerables tendo en conta as súas necesidades”. Ditas accións, explicou Martínez Montero, estarán destinadas “aos colectivos vulnerables que se detecten desde todos os departamentos municipais”.

Os interesados en participar poden obter toda a información sobre a Oficina municipal do Voluntariado na web municipal https://www.ferrol.gal/Shared/Contidos/89 e anotarse no número de teléfono 981 944 235 ou en voluntariado@ferrol.es.



Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar