martes, 23 de febreiro de 2021
O Concello equipa o parque canino do Bertón con elementos de xogo da modalidade agility
O edil de Benestar Animal, Germán Costoya, visitou esta mañá o recinto, que xa conta cun salto de lonxitude, un obstáculo e roda de salto, unha pasarela, un túnel, un valado, unha estrutura de slálom e un balancín. O concelleiro explicou que a intervención forma parte do plan do goberno local de habilitar na cidade “recintos axeitados que permitan acudir cos cans para que gocen dun espazo creado especialmente para eles”

O Concello de Ferrol remata hoxe a instalación do novo mobiliario para equipar o parque canino do barrio do Bertón. O concelleiro de Benestar Animal, Germán Costoya, visitou esta mañá o recinto e explicou que o que se pretende é equipar o espazo con elementos que permitan adestrar en exercicios das probas de agility, unha modalidade na que o can supera unha serie de obstáculos para avaliar a súa axilidade, velocidade e destreza no salto.