Novas

martes, 23 de febreiro de 2021

Últimos días para visitar no Torrente Ballester a exposición do Concello sobre Carvalho Calero

Desde a inauguración de ‘Imaxe de cen anos’, en xaneiro de 2020, visitaron a mostra ao redor de 2.000 persoas nun exercicio marcado polo peche do centro cultural preto de catro meses. Permanece aberta ata o domingo, 28 de febreiro, de martes a sábado de 11 a 14 h e de 17 a 21 h e o domingo de 11 a 14 horas


Últimos días para visitar no Torrente Ballester a exposición do Concello sobre Carvalho Calero

A exposición sobre Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 30 de outubro 1910-Santiago, 25 de marzo 1990) que o Concello de Ferrol abriu no centro cultural Torrente Ballester (rúa Concepción Arenal, s/n) en xaneiro de 2020 remata o próximo domingo, 28 de febreiro. Ata o momento recibiu ao redor de 2.000 visitas, nun exercicio marcado polos peches dos centros culturais ao longo de preto de catro meses como consecuencia dos efectos da pandemia da covid-19. Esta semana pode visitarse de martes a sábado de 11 a 14 horas e de 17 a 21 horas e o domingo de 11 a 14 horas. 


A mostra sobre o protagonista do Día das Letras Galegas 2020 conta con máis de 30 primeiras edicións do autor e varios dos seus obxectos da súa vida persoal e académica, grazas á colaboración da familia do autor. No Torrente pode verse o seu calzador, a súas medalla de cátedra e a de membro da Real Academia Galega, o seu barrete e numerosas placas de recoñecemento a súa figura. Tamén o seu bastón orixinal. 

Na súa inauguración estiveron presentes, ademais de concelleiros de todos os grupos municipais, o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, o presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes, a estudosa da súa figura, Delia Vázquez Vázquez, e a filla do autor Margarita Carvalho Ramos. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar