Novas

martes, 23 de febreiro de 2021

O alcalde e o concelleiro de Seguridade recibiron á socorrista Fátima Sánchez, que vén de prestar axuda aos migrantes no Mediterráneo

Mato trasladoulle o agradecemento da cidade e destacou que actos coma o seu serven para “facer un mundo mellor”


O alcalde e o concelleiro de Seguridade recibiron á socorrista Fátima Sánchez, que vén de prestar axuda aos migrantes no Mediterráneo

O alcalde, Ángel Mato, e o concelleiro de Seguridade, Germán Costoya, recibiron hoxe no Concello á socorrista ferrolá Fátima Sánchez, que vén de traballar como voluntaria para a organización non gubernamental Open Arms no Mediterráneo. Sánchez pasou dúas semanas a bordo do veleiro Astral, onde levou a cabo tarefas de rescate de migrantes que trataban de alcanzar as costas europeas. 


Mato asegurou que o seu acto resume o desexo “de facer un mundo mellor” e reiteroulle o seu agradecemento en nome da cidade. Pola súa banda, a socorrista asegurou que a experiencia, ademais de servir para contribuír a “darlle visibilidade á vulneración dos dereitos humanos” que se produce cos migrantes, constituíu para ela unha auténtica aprendizaxe tanto no plano persoal coma no laboral. Fátima Sánchez desenvolve tarefas de salvamento nas praias de Ferrol dende o ano 2014, e o pasado verán foi a responsable da caseta de Doniños. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar