Novas

xoves, 04 de marzo de 2021

O Concello continúa as melloras na alameda de Suances coa retirada de antigas carochas e o acondicionamento do chan

Os traballadores de mantemento dos xardíns veñen realizando labores de escarificación e semente de céspede na zona dende mediados de febreiro. Estanse preparando varios macizos para a plantación de flores de tempada e aportando cortiza e restos de poda triturada para incrementar a materia orgánica do solo


O Concello continúa as melloras na alameda de Suances coa retirada de antigas carochas e o acondicionamento do chan

Os traballos de mellora que o Concello leva a cabo na alameda de Suances dende mediados de febreiro continúan esta semana coa retirada de antigas carochas de árbores que asomaban no terreo, entre outras medidas. A concelleira de Medio Ambiente, Ana Lamas, comprobou a evolución destes labores dependentes da súa área de goberno e que leva a cabo a concesionaria do mantemento de xardíns. 


Do mesmo xeito que xa se fixo noutras partes desta área verde, o terreo do que se quitaron as raíces foi nivelado e acondicionado para continuar co proceso de semente de novo céspede. Ao tempo, estase a distribuír cortiza e restos de podas (algúns, dos propios plátanos) triturados para incrementar o nivel de materia orgánica do solo, e durante días pasados tamén se puxo en marcha un proceso de escarificación, co que se pretende permitir o correcto paso de aire, auga e nutrientes á terra e que resulta necesario para garantir o bo estado dos xardíns. 

Por outra parte, tamén se están preparando varios macizos nos que está previsto plantar flor de temporada nas vindeiras semanas. Entre eles, o que rodea o monumento á música tradicional e o situado ao pé do dedicado ao voo do Plus Ultra. Este último é un punto que se pretende recuperar como zona para plantación de temporada. Outro entorno no que se actuará é o anel exterior da fonte, para o que se contempla unha plantación permanente.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar