Novas

xoves, 01 de abril de 2021

O Concello impulsa a posta en valor do Castelo de San Felipe coa inauguración da exposición ‘Defensa de Ferrol: A Batalla de Brión’

A segunda tenente de alcalde e concelleira de Turismo e Promoción Económica, María Teresa Deus, expresou que a mostra “vai apuntalar a fortaleza como principal reclamo turístico da nosa cidade” e lembrou que na actualidade o castelo está a recibir entre 500 e 600 persoas cada fin de semana. A concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, indicou que “se cumpre un dos obxectivos do goberno local, o de recuperar os nosos bens patrimoniais”


O Concello impulsa a posta en valor do Castelo de San Felipe coa inauguración da exposición ‘Defensa de Ferrol: A Batalla de Brión’

O Concello de Ferrol inaugurou esta mañá a exposición permanente ‘Defensa de Ferrol: A Batalla de Brión’ na sala Cureñas do Castelo de San Felipe nun acto sinxelo marcado polas actuais restricións sanitarias ao que asistiron a segunda tenente de alcalde e concelleira de Turismo e Promoción Económica, María Teresa Deus; a de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero; o voceiro do goberno local, Julián Reina; os concelleiros da corporación municipal María del Carmen García (PP) e Mar López (BNG) e representantes do Museo Naval, do Arquivo Militar, do Club Montaña, da asociación Batalla Brión e das entidades veciñais de Brión e de San Felipe, entre outros. 


A segunda tenente de alcalde e responsable de Turismo asegurou que coa inauguración da exposición o Concello “impulsa de forma decidida a posta en valor do Castelo de San Felipe” cunha mostra que “vai apuntalar a fortaleza como principal reclamo turístico da nosa cidade”, máis aínda polo “magnífico e envexable enclave natural no que se atopa”. Deus lembrou que na actualidade o castelo está a recibir entre 500 e 600 visitas cada fin de semana.

Pola súa banda, a concelleira de Patrimonio Histórico apuntou que coa inauguración desta exposición “se cumpre un dos obxectivos do goberno local, o de recuperar os nosos bens patrimoniais, como este castelo”. A edil lembrou que na actualidade o Concello está a executar as obras de rehabilitación da torre do século XIX da batería baixa do castelo, un proxecto que, ademais da propia recuperación da torre inclúe a súa adaptación e acondicionamento para o seu novo uso expositivo así como o deseño do contido das dúas mostras que albergarán as dúas plantas da torre: ‘A evolución das defensas da ría’ e ‘Evolución do Castelo de San Felipe’. 

Agradeceu o traballo desenvolvido pola empresa responsable da exposición, Trivium, do ferrolán César Abella, e a colaboración de todas as entidades, asociacións e particulares implicadas na mostra, como o Museo Naval, o Instituto de Historia e Cultura Militar, o Club de Montaña ou a asociación Batalla Brión, entre outras. Tamén resaltou que “a montaxe logra que a propia Sala Cureñas —perfectamente rehabilitada— sexa unha continuación da exposición”, que cualificou como “didáctica, seria, solvente e moi enriquecedora para o castelo”. 

Abella, pola súa banda, resaltou “o labor que está a desenvolver na actualidade o Concello de Ferrol para poñer en valor o recurso máis importante da cidade, o castelo”, e invitou á cidadanía a visitar a nova exposición, que relata “o suceso máis heroico da nosa cidade”.

A exposición forma parte do proxecto MMIAH, un plan liderado por Ferrol e integrado por outras oito cidades —Cádiz, Ílhavo (Portugal), Plymouth e Liverpool (Inglaterra), Caen e La Rochelle (Francia), Limerick e Cork (Irlanda)— que busca poñer en valor o litoral urbano do espazo atlántico a través da recuperación de bens en desuso asociados ao patrimonio militar, marítimo e industrial das cidades costeiras, facilitar o seu uso social e xerar actividades de valor engadido co fin de promover o turismo cultural como factor de sustentabilidade económica.

Seis bloques temáticos para resaltar o sucedido en agosto de 1800 
A mostra inclúe diversos elementos gráficos e visuais para explicar e poñer en valor a través de seis bloques temáticos os acontecementos dos días 25 e 26 de agosto de 1800. O primeiro, o contexto histórico da batalla, versa sobre o momento no que se produciu o ataque dos ingleses a territorio ferrolán, tendo en conta que o contorno xeopolítico a nivel internacional entre España, Francia e Inglaterra é “fundamental” para entender as motivacións do ataque, explicou Martínez Montero. O segundo bloque abordará os escenarios, como os montes de Brión e Doniños, o propio castelo, a situación da cidade e das súas murallas, e Arsenal, o porto e as baterías. En terceiro lugar, a exposición ‘Defensa de Ferrol: a batalla de Brión’ dedica outro bloque aos protagonistas do sucedido, tanto do bando británico como do español, e repasa os personaxes máis importantes da loita, como John Borlase Warren, James Pulteney ou o Conde de Donadío.

O cuarto apartado fai un reconto gráfico das armas e do número de tropas coas que contaban os dous bandos e explica as súas características máis importantes. Pola súa banda, as vestimentas e os uniformes dos exércitos constitúen un tipo de patrimonio moi rechamante, polo que ocupa o quinto bloque da exposición. O sexto e último apartado esta dedicado exclusivamente á contenda, cun percorrido que comeza o día que os ingleses se aproximaron a Ferrol. O fin é amosar os aspectos máis relevantes que aconteceron no escenario físico, as manobras e as pasaxes máis importantes da batalla, para o que se habilitaron códigos QR en cada un dos paneis que facilitan a información tamén en castelán e inglés.

Posta en valor dun episodio histórico
A posta en marcha da exposición ‘Defensa de Ferrol: a batalla de Brión’ intégrase na estratexia xa avanzada o pasado ano polas concelleiras de Promoción Económica e Turismo e de Patrimonio Histórico de poñer en valor un episodio histórico “cun gran potencial para darlle proxección exterior a Ferrol tendo en conta que se trata dun dos acontecementos máis relevantes da biografía da nosa cidade”, apuntou a segunda tenente de alcalde. O fin é “poñer a dispor dos visitantes unha mostra que logre “transmitir a importancia do episodio histórico” a través dunha exposición “entretida, atractiva e de calidade” que logre xerar “curiosidade” ao redor da batalla de Brión, concluíu a concelleira. 

A exposición pode visitarse no horario de apertura do castelo, de luns a domingo incluído festivos de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas. Poden consultar os horarios das visitas guiadas na web https://www.viaxesgalitur.com/#, no apartado ‘Qué ofrecemos’, na sección ‘Actividades en Ferrol’. 
 

 

 




Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar