Novas

xoves, 01 de abril de 2021

O Concello convoca ao tecido cultural de Ferrol a participar nun innovador estudo sobre as necesidades do sector

Algúns dos datos preliminares presentaranse o vindeiro mércores, 7 de abril, nunha xuntanza telemática. Os responsables do traballo contactaron con 360 axentes da cidade, entre os que hai empresas, artistas e asociacións. Durante a primeira parte do proxecto detectáronse en Ferrol 139 asociacións activas que realizan actividades socioculturais. O edil de Cultura explica que se trata dunha experiencia “case pioneira, porque en Galicia só se fixo antes en Santiago” Antonio Golpe asegura que servirá para “traballar con rigor as políticas culturais, partindo dunha diagnose”


O Concello convoca ao tecido cultural de Ferrol a participar nun innovador estudo sobre as necesidades do sector

O Concello vén traballando dende o pasado decembro nun proxecto de investigación para a identificación e análise das necesidades e potencialidades da cultura en Ferrol. Ata o momento, o labor centrouse na busca de datos de partida, antes de abrir unha segunda fase consistente nun proceso participativo no que se van pór en marcha varios obradoiros sectoriais. Nestes meses, contabilizáronse no municipio 360 axentes relacionados dalgunha maneira co sector, entre empresas das distintas industrias culturais e creativas (audiovisual, editorial, música…), artistas e profesionais de cada un dos ámbitos culturais, asociacións culturais e outras entidades con implicación na dinamización sociocultural na cidade, ou empresas relacionadas coa oferta cultural e a celebración de eventos artísticos, entre outros. 


Todos eles están convocados a unha reunión telemática que se celebrará o vindeiro mércores, 7 de abril, a partir das 18.45 horas, e que servirá de punto de partida para a segunda fase do proxecto, consistente na súa apertura á participación cidadá. No encontro realizarase unha presentación durante a que se explicará a metodoloxía do estudo e como se vai desenvolver a partir de agora. Tamén se presentarán algúns dos datos que permiten realizar unha radiografía do estado da cultura na cidade, como, por exemplo, a existencia de 139 asociacións activas no concello ferrolán que desenvolven actividades socioculturais, entre as que destacan aquelas de índole musical, pois supoñen aproximadamente a terceira parte desa cifra. 

A partir desta xuntanza realizaranse as sectoriais, antes citadas, atendendo ás distintas disciplinas artísticas e culturais, pero tamén integrando temas vinculados coa memoria, o patrimonio e a cultura popular. Ao rematar estas, celebrarase unha reunión intersectorial na que se compartirán as principais ideas recollidas en cada ámbito. 

Consulta pública dirixida a toda a cidadanía 
Ademais dos encontros participativos, o estudo incluirá unha consulta pública dirixida a toda a cidadanía ferrolá co obxecto de identificar posibles necesidades e propostas de mellora para a dinamización e a potenciación da cultura no municipio, permitindo adecuar a oferta cultural á demanda real. A previsión é que as conclusións poidan estar listas cara o outono, cando todos os resultados e recomendacións se recollerán nun informe final.  

O concelleiro de Cultura, Antonio Golpe, asegura que este proxecto “servirá para traballar con rigor as políticas culturais, partindo dunha diagnose e non de meras sensacións, co que a toma de decisións atenderá a criterios moito máis obxectivos”. Lembra tamén que se trata dunha “experiencia case pioneira, por canto ata o de agora en Galicia só se levou a cabo antes en Santiago”. 

Por ese motivo, o edil anima a participar no encontro do vindeiro mércores a todos os convocados. Para unirse, dispoñen dun correo de contacto, paticipacultura@ferrol.es, e dun número de teléfono: 604 025 160. 


  

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar