O Concello de Ferrol vén de adxudicar unha nova intervención
no rocódromo situado nas instalacións municipais anexas ao estadio da Malata despois
de que a pasada semana abrise ao público tras rematar a Administración local obras de
mellora e acondicionamento do recinto. Nesta ocasión adxudicouse por un importe total
de 4.079,92 euros a apertura dunha nova porta que comunicará o rocódromo directamente
co exterior e o cambio de varanda na parte superior.
En canto á primeira intervención que desenvolverá a concellería de Servizos e
Obras, que dirixe Ana Lamas, e co fin de atender as peticións dos propios usuarios, que
piden acceder aos paneis de escalada desde o exterior, abrirase unha porta desde o interior
do rocódromo e acondicionarase cun novo pintado. Pola súa banda, ademais de limpar,
sanear e pintar a varanda actual na parte superior —a próxima ao novo panel de altura—
revisar os ancoraxes e renovar as fixacións, colocarase unha nova varanda paralela á
existente a base de estrutura de aceiro galvanizado e pintado e con pasamans superiores
co fin de incrementar a protección do rocódromo. O prazo de execución é de dous meses.
Esta intervención de mellora súmase á que o Concello vén de rematar, de forma
transversal entre as concellerías de Deportes, Urbanismo e Servizos e Obras, para
acondicionar un novo panel de escalada, un dos máis altos de Galicia posto que ten 6
metros de ancho por 12 de alto.
Tres zonas de escalada: boulder, travesía e en altura
Ademais deste novo panel de altura, o rocódromo da Malata conta tamén con outro de
travesía e unha zona boulder, esta última de baixa altura pero de gran dificultade. As
persoas que queiran participar nun dos bautismos poden anotarse no Club de Montaña de
Ferrol. Polo momento serán grupos de 6 persoas, debido ás restricións sanitarias actuais,
e todas as actividades levaranse a cabo seguido os protocolos de seguridade.