Novas

xoves, 08 de abril de 2021

O Concello saca a licitación a montaxe e desmontaxe de infraestruturas nas praias

O prazo para presentar propostas remata ás 23.59h do 22 de abril. Inclúe a instalación de casetas de socorrismo, aseos e duchas, sinais indicativas e carteis, bandeiras azuis, vallas e pasareas e outros elementos de madeira así como a súa desinstalación


O Concello saca a licitación a montaxe e desmontaxe de infraestruturas nas praias

O Concello de Ferrol publicou onte no seu perfil da plataforma de contratación do sector público o anuncio de licitación electrónica do servizo de montaxe e desmontaxe de infraestruturas nas praias, cun orzamento base de licitación de 18.528,50 euros (sen impostos). O prazo para presentar ofertas conclúe ás 23.59 horas do próximo 22 de abril. 


O novo contrato inclúe a instalación de casetas de socorrismo, aseos e duchas, sinais indicativos e carteis, bandeiras azuis, vallas e pasareas e outros elementos de madeira así como a súa desinstalación dos elementos. En todas as actuacións teranse en conta disposicións dos órganos competentes, como é o caso da conservación da Píllara das Dunas, tal e como explicou a concelleira de Medio Ambiente, Obras e Servizos, Ana Lamas. 

A edil anunciou que en canto ás duchas, ademais da súa instalación procederase ao seu mantemento durante o transcurso da tempada de praias así como á reparación e reposición de pezas. Tamén colocaranse casetas, e para as de Santa Comba, Ponzos, Esmelle, Doniños, A Graña e Caranza subministraranse ademais tablóns e confeccionaranse as bases de ditas infraestruturas. 

Un total de 72 papeleiras de 120 litros e 44 contedores 
O novo contrato inclúe tamén a colocación dun total de 44 contedores: 17 de residuos sólidos urbano (RSU), 15 amarelos, 4 de vidro, 4 de papel e outros 4 para pilas. Pola súa banda, a edil detallou que instalaranse 72 papeleiras de 120 litros, das que 36 son de RSU e outras 36 amarelas. 

Un total de 80 sinais e valados nos areais 
O contrato contempla a instalación de arredor de 80 sinais e valados repartidos entre os areais da cidade. En concreto, inclúese 10 paneis que indican o fin da zona vixiada, 13 con información sobre os servizos dispoñibles, 20 que marcarán o espazo reservado para ambulancias, 10 que prohibirán o paso excepto autorizados, 2 de prohibido estacionar e 25 vallas que reservarán prazas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida e ambulancias.

Actuación especial na praia da Graña 
Na praia da Graña levarase a cabo unha actuación especial co fin de avanzar na adaptación do areal ás persoas con mobilidade reducida, tal e como sinalou Lamas, que inclúe a instalación de pasareas e ramplas peonís e aseos adaptados. 

O novo servizo tamén inclúe a resolución de incidencias que podan xurdir nas praias vencelladas coas infraestruturas, como a retirada de elementos perigosos, o rescate de mobiliario que poda ser desprazado da súa localización pola marea ou por vandalismo, a sinalización de situacións con risco por vandalismo e pequenas reparacións de elementos. O material estará instalado a mediados de xuño e procederase á súa retirada a finais de setembro. O contrato é de un ano prorrogable a dous (1+1), polo que o valor estimado do contrato é de 37.057,00 euros (sen impostos) para dous anos. A concelleira de Medio Ambiente, Obras e Servizos, Ana Lamas, apuntou que “se trata de dar un paso máis no noso camiño cara a poñer a punto os areais da nosa cidade para a tempada de verán”. 







Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar