O Concurso Internacional de Piano de Ferrol acada na 32.ª
edición, que se celebrará a partir do vindeiro 30 de abril, o seu récord de participación.
O concelleiro de Cultura, Antonio Golpe, avanzou hoxe acompañado polo director
artístico do certame, Pablo Galdo, os datos tras o peche do prazo de inscrición. En total,
foron admitidos 237 pianistas de 45 nacionalidades, mentres que dúas solicitudes foron
excluídas por presentarse fóra de tempo.
Golpe destacou que esas cifras apuntan a que o concurso está “no bo camiño”
para cumprir o obxectivo de relanzalo e recuperar o seu prestixio, polo que felicitou a
Galdo “polo traballo que está facendo e por estes resultados despois de tres anos de
parón”. Tamén agradeceu “a todas as persoas, equipos, direccións artísticas dende a
primeira edición” o seu labor para darlle continuidade prestixio ao concurso.
As 237 inscricións practicamente quintuplican as da edición do 2011, na que se
acadara o maior número de pianistas ata o momento (51, procedentes de 18 países) e
supoñen case 11 veces as da última edición, celebrada no 2017, cando se contou con 22
participantes. En canto ás idades, a maioría sitúanse no rango dos 18-35 anos (203),
mentres que 16 son menores de idade e 18 superan os 35.
Tanto Golpe coma Galdo destacaron que este récord de participación prodúcese
a pesar das circunstancias adversas: a crise sanitaria provocada pola covid-19, o curto
prazo de inscrición debido precisamente á incerteza causada pola pandemia (foi dun mes, cando o habitual é de seis) e a coincidencia do concurso ferrolán este ano con polo
menos outros 15 de importancia a nivel internacional, moitos deles atrasados ao 2021
por mor tamén da pandemia.
Nestes momentos xa se está celebrando a preselección dos concursantes, que se
fai a través de vídeos. Os que a pasen entrarán nas roldas presenciais (primeira, segunda,
semifinal e final, na que os pianistas tocarán coa Orquestra Sinfónica de Galicia). As
tres primeiras celebraranse no Teatro Jofre, mentres que a final será no Auditorio de
Ferrol.
Estas cinco roldas non son a única novidade do certame nesta 32.ª edición. O
director artístico lembrou hoxe que outra iniciativa, que está tendo moi boa acollida, é a
posibilidade de que os ferroláns que dispoñan de piano acollan na súa casa aos
participantes no concurso, tanto para ensaiar como para aloxarse. Iso si, recalcou Galdo,
“sempre que as condicións sanitarias o permitan”, de acordo coa norma que estea
vixente no momento da celebración do concurso.