Novas

xoves, 29 de abril de 2021

Aprazada ao venres 7 de maio a inauguración da exposición de Andrés Gabarres no Torrente

O pintor ferrolán exhibirá 70 obras no centro cultural, onde tamén se poderá ver unha creación efémera da que é autor


Aprazada ao venres 7 de maio a inauguración da exposición de Andrés Gabarres no Torrente

O pintor ferrolán Andrés Gabarres inaugurará a súa exposición no Centro Torrente Ballester o venres 7 de maio. A apertura da mostra “Carretera y manta” adíase así unha semana debido a cuestións organizativas. Gabarres (Ferrol, 1986) é un dos pintores novos de maior talento e proxección da nosa contorna. Formado nas facultades de Belas Artes de Pontevedra e Madrid, foi bolseiro da Real Academia de Historia e Arte San Quirce e participou nas VII e VIII Cátedras extraordinarias de pintura de Albacete impartida por Antonio López García. No 2010 protagonizou unha mostra individual no centro cultural Carvalho Calero de Ferrol e no 2015 formou parte dunha colectiva, como nova promesa, na que compartiu cartel con algúns dos principais pintores galegos do século XX, como Felipe Bello Piñeiro, Fernando Álvarez de Sotomayor ou Genaro Pérez Villamil, entre outros. 


A montaxe no Torrente inclúe un gran mural efémero que se poderá ver durante o tempo que dure a mostra. O artista expoñerá na sala Fernando Álvarez de Sotomayor do centro municipal arredor de 70 obras, entre elas unha serie de pezas posteriores á pandemia, a maioría en papel, que reflicten o seu estado anímico por mor da irrupción da covid-19. Predomina a cor e o paisaxismo, sobre todo o urbano. Tras a inauguración da exposición presentarse o catálogo, que recollerá fotografías de todas as obras expostas no Torrente e se repartirá entre os visitantes.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar