Novas

xoves, 29 de abril de 2021

O Concello instalará mañá venres un piano na Praza de Armas que se poderá tocar os días 30 de abril e 7 e 8 de maio

O edil de Cultura, Antonio Golpe, apuntou que se trata dunha iniciativa con motivo do inicio mañá e ata o día 8 de maio da XXXII edición do Concurso Internacional de Piano de Ferrol. É a primeira vez que a cidade saca á rúa o instrumento, e os interesados poden reservar un tramo horario no correo electrónico info@ferrolpianocompetition.com. Mañá, ás 19.00 horas, terá lugar no Teatro Jofre o concerto inaugural do certame, cos pianistas membros do xurado Barry Douglas e Cyprien Katsaris como intérpretes


O Concello instalará mañá venres un piano na Praza de Armas que se poderá tocar os días 30 de abril e 7 e 8 de maio

O Concello de Ferrol instalará mañá, 30 de abril, un piano de cola Yamaha C7 na Praza de Armas con motivo do inicio do XXXII Concurso Internacional de Piano de Ferrol, edición ‘Concepción Arenal’, que poderá tocar en directo todo pianista ou aficionado que o desexe os días 30 de abril e 7 e 8 de maio, os dous primeiros entre as 9 e as 18 horas e o día 8 ata as 16 horas, tal e como explicou o concelleiro de Cultura e Educación, Antonio Golpe. Os interesados en reservar un tramo horario xa poden inscribirse no correo electrónico info@ferrolpianocompetition.com, incluíndo nome completo, teléfono e as pezas que van interpretar e a súa duración total. Poderán ser obras enteiras ou movementos soltos que teñan un mínimo de preparación. Tamén poderán tocalo as persoas que se acheguen á Praza de Armas sempre que nese momento o instrumento non estea ocupado. 


Achegar o instrumento e o concurso á cidadanía 
Despois de 31 edicións do concurso, este ano o Concello pretende achegar o piano á cidadanía e involucrar á sociedade ferrolá na celebración dun concurso, que este ano contou con 239 inscritos de 45 países diferentes, polo que unha das iniciativas paralelas é a de sacar un piano á rúa. Golpe explicou que esta actividade “estará suxeita a determinadas normas de seguridade motivadas pola pandemia, co fin de protexer aos participantes ao tempo que facer sentir aos nosos veciños que forman parte do concurso”. Deste xeito, os participantes comprométense a cumprir as normas vixentes pola covid-19 de distanciamento e hixiene, entre outras, mentres que a organización do certame limpará o piano e a banqueta despois de cada uso. 

Poderanse interpretar obras de diferentes formacións instrumentais coa única obriga de que nas mesmas sempre haxa un piano presente (obras con pianista acompañante, música de cámara ou piano solo). Os menores de idade deberán estar acompañados polos seus pais ou titores legais. 

Ante a posibilidade de que as condicións meteorolóxicas non acompañen, o piano situarase sobre unha tarima e estará a cuberto, baixo unha carpa.  

Concerto inaugural mañá ás 19 horas con dous membros do xurado 
Mañá, ás 19.00 horas, terá lugar no Teatro Jofre o concerto inaugural do XXXII Concurso Internacional de Piano de Ferrol coa actuación de dous pianistas recoñecidos internacionalmente e membros do xurado: Barry Douglas e Cyprien Katsaris. O primeiro, de Irlanda, interpretará ‘Cuadros de una exposición’, de Modest Mussorgsky, e ‘Impromptu Op. 90, nº1’, de Franz Schubert. Pola súa banda, Katsaris (FranciaChipre), tocará improvisacións de varios temas, unha sonata de Joseph Haydn, ‘Klavierstücke nº2 en mi bemol maior’, de Franz Schubert, e ‘Carnaval de los Animales’, de Camille Saint Saëns. As entradas custan 3 euros e poden adquirirse a partir das 18.00 horas de hoxe no despacho de billetes do Teatro Jofre e na web http:// www.ferrol.es/jofre. 

Continúa aberto o prazo para ofrecer aos participantes aloxamento ou un piano
Este ano o Concello ofrece a posibilidade de que a cidadanía se involucre na celebración do concerto tamén abrindo as portas das súas vivendas para que os participantes poidan durmir, estudar nos seus pianos ou ambas cousas. As persoas interesadas poden inscribirse no correo electrónico info@ferrolpianocompetition.com.


Unha semana chea de música 
Tras o concerto inaugural de mañá, os días 1, 2 o 3 de maio, de 10.30 a 14 horas e de 16 a 20.30 horas celebrarase a primeira ronda do certame no Teatro Jofre. Os días 4 e 5, de 10.30 a 14 horas e de 16 a 20.30 horas, a segunda, e o día 6, de 10 a 14 horas e de 16 a 21 horas, a terceira. 

O día 7, ás 19 horas, tamén no Jofre terá lugar un concerto a cargo de membros do xurado: Zilberstein, Entremont, Katsaris, Galdo, Douglas, Vásáry, Ortiz, con obras de Chopin, Rachmaninoff, Debussy, Villalobos, Brahms, Liszt e Schubert, entre outras. O día 8, ás 17 horas, o Auditorio Municipal de Ferrol acollerá a Gran final, a deliberación dos xurados e a entrega de premios e o día 9, ás 19.30 horas, terá lugar tamén no Auditorio Municipal o Concerto final do certame, coa austríaca Elisabeth Leonskaja, que interpretará ao piano as sonatas Op. 109, 110 e 111 de Ludwig Van Beethoven.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar