Novas

sábado, 01 de maio de 2021

O curso de socorrismo ofrecido polo Concello comeza o luns con formación no Centro de Emprego e prácticas en praias e piscina

O concelleiro de Seguridade, Germán Costoya, apuntou esta mañá que se desenvolverá en dous grupos, un de luns a venres e outro as fins de semana, ata finais de maio. Este é o primeiro curso destas características que convoca o Concello, a través da Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia (FESSGA), e é gratuíto para os alumnos


O curso de adaptación da actividade física e deportiva para o exercicio profesional do socorrismo en espazos acuáticos naturais e en instalacións acuáticas que ofrece o Concello de Ferrol comeza o próximo luns, 3 de maio, tal e como anunciou o concelleiro de Seguridade, Germán Costoya. Contará con 34 participantes e desenvolverase en dous grupos, un de luns a venres e outro as fins de semana co fin de “facilitar que os aspirantes poidan compaxinar o ciclo coas súas obrigacións”. 


O edil explicou que a parte teórica terá lugar tanto no Centro de Emprego do Concello de Ferrol como no Antigo Hospicio e a práctica na piscina de Caranza e en varias praias do municipio. O curso alargarase ata finais de maio, polo que estará rematado antes da próxima tempada de verán. 

Este é o primeiro curso destas características que convoca o Concello, a través da Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia (FESSGA), e é completamente gratuito para os alumnos. Con el, a concellería de Seguridade persegue un dobre obxectivo. Por unha banda, “dar a rapaces a oportunidade de desenvolver o seu traballo ao longo dos meses de verán”, segundo explicou o propio edil, e por outra, cubrir unha demanda que se vén detectando nos últimos anos, ante a escaseza de persoas con formación suficiente para desenvolver esa actividade, o que en ocasións xera dificultades aos concellos para cubrir prazas. O curso terá unha duración de 65 horas formativas e 80 de prácticas. 

Incluirá formación en rescates, primeiros auxilios, labores de vixilancia e prevención de situacións de risco. Os participantes aprenderán a utilizar o material e técnicas de aproximación, contacto, traslado e extracción da persoa accidentada e ferramentas de apoio psicolóxico. Tamén recibirán o certificado oficial que autoriza o manexo de desfibriladores externos automáticos.  

Tendo en conta o progresivo aumento da demanda turística do noso litoral, desde a concellería de Seguridade “temos que revisar ano tras ano no só o número mínimo de socorristas senón tamén as zonas a protexer”, asegura o edil. Súmanse as características propias desde colectivo, que abandonan dita actividade con prontitude, polo que é necesario renovar constantemente o persoal con capacitación para realizar dito traballo. Ademais, a pandemia afecta ao acceso deste curso doutro xeito, polo que desde o Concello “consideramos necesario impartilo co fin de aumentar a carteira de profesionais de cara ao próximo verán”. 


Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar