Novas

sábado, 01 de maio de 2021

As probas do XXXII Concurso Internacional de Piano de Ferrol comezaron hoxe no Jofre

A primeira ronda do certame rematará o día 3, a segunda celebrarase os días 4 e 5 de maio, e a terceira, o día 6. O acceso do público ás probas é gratuíto, pero é necesario retirar unha entrada no despacho de billetes. O día 8 celebrarase a gran final, a deliberación do xurado e a entrega de premios, e o día 9 será o concerto de clausura


As probas do XXXII Concurso Internacional de Piano de Ferrol comezaron hoxe no Jofre

As probas do XXXII Concurso Internacional de Piano de Ferrol comezaron esta mesma mañá no Teatro Jofre despois de que na tarde de onte o alcalde, Ángel Mato, inaugurara o certame acompañado polo concelleiro de Cultura, Antonio Golpe; a diputada provincial Ana Lamas e o director artístico do concurso, Pablo Galdo. 


A primeira ronda continuará mañá e rematará o luns 3 de maio, e a segunda celebrarase os días 4 e 5, en horario de 10.30 a 14 horas e de 16 a 20.30 horas. A terceira ronda, o día 6, será en horario de 10 a 14 horas e de 16 a 21. Todas as probas terán lugar no Teatro Jofre seguindo as medidas de seguridade correspondentes pola pandemia. O acceso para o público é de balde, pero é necesario retirar unha entrada no despacho de billetes. 

O día 7, ás 19.00 horas, tamén no Jofre, terá lugar un concerto a cargo de membros do xurado: Zilberstein, Entremont, Katsaris, Galdo, Douglas, Vásáry, Ortiz, con obras de Chopin, Rachmaninoff, Debussy, Villalobos, Brahms, Liszt e Schubert, entre outras. 

O día 8, ás 17.00 horas, o Auditorio Municipal de Ferrol acollerá a gran final, a deliberación do xurado e a entrega de premios e o día 9, ás 19.30 horas, terá lugar tamén no Auditorio Municipal o Concerto Final do certame, coa austríaca Elisabeth Leonskaja, que interpretará ao piano as sonatas Op. 109, 110 e 111 de Ludwig Van Beethoven. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar