Novas

luns, 03 de maio de 2021

Ángel Mato reclama para Ferrol un hub da eólica mariña, a dixitalización do estaleiro e un clúster da defensa

O alcalde insistiu durante o encontro de rexedores das tres comarcas co vicepresidente segundo da Xunta en que tanto o Goberno autonómico coma o central deben implicarse no problema industrial de Ferrolterra, Eume e Ortegal, como veñen demandando Concellos, sindicatos e empresarios


Ángel Mato reclama para Ferrol un hub da eólica mariña, a dixitalización do estaleiro e un clúster da defensa

O alcalde, Ángel Mato, trasladoulle hoxe ao vicepresidente segundo da Xunta de Galicia e conselleiro de Economía, Francisco Conde, a importancia de impulsar varias liñas de actuación orientadas á recuperación económica de Ferrol. Foi durante o encontro convocado polo responsable autonómico para tratar cos rexedores de Ferrolterra, Eume e Ortegal a situación das tres comarcas e a busca de acordos institucionais e sociais que conduzan á esa recuperación económica. No transcurso da reunión, Mato tamén se interesou polos proxectos cos que Galicia optará a captar fondos de recuperación europeos. Coñecido o detalle de iniciativas públicas o mes pasado, o alcalde puxo sobre a mesa a necesidade de ter agora información sobre a súa territorialización, é dicir, cantas delas van ter implantación ou repercusión directa nas tres comarcas. 


Mato lembrou que o diálogo e a busca de acordos entre as institucións e as forzas sociais na procura de solucións á situación de Ferrolterra, Eume e Ortegal foi unha constante nos últimos meses e destacou que tanto os alcaldes coma os sindicatos e os empresarios veñen demandando de forma explícita a implicación tanto da Xunta de Galicia coma do Goberno central no problema industrial que padecen as comarcas. Por ese motivo, destacou a importancia de que todos os axentes concernidos formen parte dos acordos que se poidan acadar. 

Respecto das mencionadas liñas de actuación e proxectos que o rexedor ferrolán considera necesarios para darlles solución aos problemas que enfrontan a cidade e a súa área de influencia, expuxo varios. O primeiro, apostar con Navantia e o Estado pola dixitalización dos estaleiros de xeito que cumpran a súa función de elemento tractor para toda a industria auxiliar do naval, e vinculado a isto, que se constrúa o dique cuberto do estaleiro ferrolán. Unha segunda medida sería a creación na cidade dun hub da eólica mariña para converter Galicia en referente desta enerxía limpa. Nese punto, Mato ve imprescindible a posta en marcha dun parque off-shore nas costas galegas, cumprindo todos os criterios medioambientais para que non interfira coa actividade pesqueira. Finalmente, tal e como xa lle propuxera a o presidente Feijoo na súa reunión do pasado outubro, a creación dun clúster da defensa tamén en Ferrol, aproveitando a existencia na comunidade galega de diversas empresas punteiras dedicadas a este sector.

Esas serían as principais medidas, mais o alcalde sinalou outras complementarias tanto no plano da industria coma no da loxística ou as comunicacións. Así, invitou á Xunta a fomentar a captación de empresas tecnolóxicas para Ferrol, na que o Concello colaboraría activamente ofrecendo espazos onde situalas. Tamén a investir decididamente en formación para habilitar en novas tecnoloxías e novas necesidades produtivas aos traballadores, especialmente no período de descenso de actividade que enfrontan os estaleiros ata o inicio do programa das fragatas F-110. En canto ás posibilidades de diversificación que se abren para o naval ao fío das enerxías limpas, Mato mostrouse partidario de aproveitar todas as capacidades da fábrica de turbinas de Navantia, coa colaboración doutras empresas, para acadar un mellor posicionamento na transición enerxética. Con este obxectivo, tamén deberían terse moi en conta as potencialidades da planta regasificadora, especialmente en canto a almacenamento de hidróxeno verde.

No referido ao porto, Ángel Mato explicou que se debe aproveitar todo o seu potencial para convertelo nun espazo de carácter industrial vinculado á cidade e no que se poidan desenvolver boa parte dos traballos dedicados á loxística da eólica mariña. E do mesmo xeito, retomar a zona de actividade loxística de Leixa como plataforma entre a dársena exterior e os polígonos próximos, conectada ás principais vías de comunicación da comarca. 

Por último, destacou a importancia de abordar as infraestruturas pendentes, coa aceleración da execución da vía de alta capacidade pola costa ata Ferrol, a mellora do tendido ferroviario para posibilitar o transporte de mercadorías en condicións de incluír a cidade na rede transeuropea e a axeitada conexión do tren co resto do eixo atlántico. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar