Novas

sábado, 15 de maio de 2021

O alcalde avanza a intención de garantir a través dun convenio a continuidade da entrega do Premio Couso en Ferrol

Ángel Mato anunciou que lle proporá á corporación dedicar o orzamento necesario para que o Clube de Prensa poida sufragar a organización da cerimonia na cidade no futuro


O alcalde avanza a intención de garantir a través dun convenio a continuidade da entrega do Premio Couso en Ferrol

 O Centro Torrente Ballester acolleu esta mañá a entrega do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, convocado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol. O acto estivo precedido dun coloquio organizado polo Concello de Ferrol no patio do complexo, no que participaron os galardoados deste ano, Manuel Rico, e o do 2020, Lorenzo Milá. 


O alcalde, Ángel Mato, pechou a cerimonia, xa na capela do Torrente. Na súa intervención avanzou que lle vai propoñer á corporación municipal que se garanta a continuidade da entrega do Premio Couso na cidade dotando co orzamento suficiente o convenio que o Concello mantén co Club de Prensa de Ferrol. O rexedor defendeu o valor de “esa profesión fascinante e imprescindible que é o xornalismo” e, tal e como recolle a Declaración de Windhoek, a súa “contribución fundamental á realización das aspiracións da sociedade”. 

Mato lembrou que, segundo os datos de Resporteiros sen Fronteiras, só no que vai de ano foron asasinados oito xornalistas e catro dos seus colaboradores en todo o mundo, mentres que no 2020 foron máis de vinte os mortos. Tamén, que máis de 300 permanecen no cárcere. Nese contexto, tivo palabras de lembranza para David Beriain e Roberto Fraile, asasinados o mes pasado en Burkina Faso mentres traballaban nunha reportaxe. Os profesionais do sector son “a vangarda na defensa dun dos piares básicos da democracia”, asegurou.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar