Novas

martes, 01 de xuño de 2021

O Concello propón aos centros escolares para o próximo curso 48 actividades extraescolares centradas na sensibilidade de estilos de vida e ocio sostibles

O concelleiro de Educación, Antonio Golpe, anunciou hoxe que este ano se aumentaron as horas semanais, de 148 a 159. A proposta municipal inclúe tamén un reaxuste no número de propostas en función do alumnado, polo que cada centro manterá ou aumentará a súa oferta


 O Concello de Ferrol vén de propoñer aos dez CEIP da cidade —A Laxe, Cruceiro de Canido, Esteiro, Isaac Peral, Juan de Lángara, Manuel Masdías, Pazos, Ponzos, Recimil e San Xoán de Filgueira— un total de 48 actividades extraescolares para o próximo curso escolar. A concellería de Educación, que dirixe Antonio Golpe, xa enviou ás directivas dos centros unha relación de propostas que pretende sensibilizar e traballar desde a infancia na necesidade de aprender e practicar estilos de vida máis sostibles, tamén desde o ocio.


 Algúns dos eixos nos que se basea a listaxe son a educación ambiental, o desenvolvemento sostible, o compromiso ecolóxico, a ecocidadanía, a cultura tradicional, a saúde e vida saudable persoal e planetaria, a implicación e responsabilidade individual e social e a expresión artística. Deste feito, inclúense actividades como Saúde e Benestar: o planeta e máis eu, Vixiantes do planeta: auga, enerxías e alimentación, Emprendimento e habilidades cooperativas, Planeta verde e vida sostible, Risoterapia, Conversación e debate, Cooperativismo, Xardíns e hortos escolares e semilleiros, Produción e consumo responsable, Vixiantes de ecosistemas terrestres, mariños e fluviais, Patrimonio local, Artellando con tecidos e teas usadas ou un obradoiro de xoguetes con material usado. Tamén hai propostas musicais, como percusión tradicional, guitarra, gaita galega ou baile e música tradicional galega, teatro, debuxo e pintura, fotografía, Informática, Robótica, Patinaxe, Hip Hop, Cineforum, Obradoiros de radio e prensa e un Club de Lectura, entre outras actividades.

O concelleiro de Educación, Antonio Golpe, explicou esta mañá que este ano se aumentaron as horas semanais, das 148 de anos anteriores a 159, e a súa distribución será en función do número de alumnado de cada centro, que manterán ou aumentarán a súa oferta respecto ao pasado curso, pero non a diminuirá. O edil lembrou que a proposta municipal é froito “das reunións mantidas nas últimas datas entre o Concello e as directivas dos centros”.

Os centros teñen ata o luns 14 de xuño para enviar á concellería de Educación as súas preferencias, mentres que as familias farano no mes de setembro coincidindo co inicio do curso escolar.  

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar