Novas

martes, 01 de xuño de 2021

O Concello conclúe o proxecto de estimulación cognitiva a domicilio ‘De momento na casiña’

A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, apuntou que a iniciativa, en colaboración co Andaravía, atendeu a 12 mulleres e 3 homes de entre 69 e 90 anos nos últimos tres meses


O Concello de Ferrol vén de concluír o programa ‘De momento na casiña’, un proxecto experimental en colaboración coa Sociedade Cooperativa Galega Andaravía desenvolvido na cidade entre os meses de marzo e maio. Trátase dunha iniciativa que naceu co fin de “atenuar os estragos cerebrais que apareceron na pandemia como consecuencia dos confinamentos e as restricións sociais, que diminuíron considerablemente a vida activa dos nosos maiores”, apuntou a concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero.


O programa municipal ‘De momento na casiña’ atendeu nos últimos tres meses a 12 mulleres e 3 homes de entre 69 e 90 anos. Os horarios das sesións, explicou a edil, “adaptáronse ás necesidades e rutinas dos usuarios co fin de motivar a súa participación”. Tras rematar o programa, a entidade agradeceu a capacidade de adaptación do Concello, das asociacións e da xente “ante os cambios tan constantes que tivemos que vivir” e agradeceu á Administración local a súa “especial atención ao envellecemento activo” ofertando unha “importante alternativa de actividade mental individual”.

As 15 persoas que participaron no programa municipal foron seleccionadas a través das entidades veciñais da cidade tendo en conta a súa situación persoal, dando prioridade a aquelas que viven soas, que non teñen acceso ás novas tecnoloxías, que as súas familias viven lonxe, que teñen medo de saír da casa ou non poden por outras razóns ou que presentan preocupación pola súa saúde mental, entre outros criterios. O obxectivo, explicou a edil, era “apoiar e acompañar aos veciños que máis o necesitan, posto que a pandemia que estamos a vivir fainos a modificar os nosos costumes sociais ou persoais, máis aínda no caso dos nosos maiores”. Os cerebros das persoas da terceira idade son “moi vulnerables e sensibles ao illamento, por iso estas persoas presentan perdas cognitivas despois do confinamento”, un dato no que fan “especial fincapé os distintos profesionais que traballan con maiores”, lembrou a edil.  

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar