Novas

venres, 04 de xuño de 2021

Ángel Mato: “Agora si, a remodelación das Pías vaise facer”

O alcalde , o secretario xeral de Infraestruturas do Ministerio de Transportes e o delegado do Goberno anunciaron a inminente licitación dunha obra que vai servir para integrar os barrios de Esteiro, Ultramar, O Bertón e Caranza. O rexedor felicitouse de que “dous gobernos socialistas culminen un proceso que iniciaron hai máis dunha década outros dous gobernos socialistas”, nunha referencia ao protocolo firmado por Vicente Irisarri e José Blanco no 2010


Ángel Mato: “Agora si, a remodelación das Pías vaise facer”

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato; o secretario xeral de Infraestruturas do Ministerio de Mobilidade, Sergio Vázquez Torrón, e o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, avanzaron hoxe a inminente licitación das obras de renovación e humanización da avenida das Pías, logo de que os dous proxectos nos que se articula se prevé que estean rematados este mesmo mes de xuño. Trátase dunha intervención en dúas fases que conta cun orzamento total de 10,5 millóns de euros. Implicará o movemento de 167.000 metros cúbicos de terra e servirá para crear unha superficie de 40.700 metros cadrados de zonas verdes, 14.900 metros cadrados de beirarrúas e 1.530 metros cadrados de carril bici. Significará, ademais, a conversión da avenida das Pías nunha vía urbana con novas paradas para o transporte público e prazas de estacionamento, itinerarios peonís, espazos deportivos e amplas áreas axardinadas nas marxes. 


O ámbito inclúe o enlace entre a FE-14 e a FE-11 (estrada da Trincheira), onde hai proxectada unha glorieta. O mesmo tipo de infraestrutura servirá para conectar Caranza co Bertón á altura de Marqués de Santa Cruz, rúa que se urbanizará tamén parcialmente. O viaducto existente manterase integrado na rotonda, pero sen uso, debido á calidade do seu deseño. Servirá de referencia histórica á enxeñería da época na que foi construído e a súa función pasará a ser puramente monumental. 

O obxectivo do proxecto é reducir a ocupación do espazo por parte do sistema viario. Da actual superficie, só un 25 % se dedicará a calzada, o que posibilitará gañar o resto dos terreos fundamentalmente para as zonas de humanización. 

“Hoxe completamos un camiño que se iniciou no 2010, cando o alcalde Vicente Irisarri e o ministro de Fomento, José Blanco, firmaron o protocolo de colaboración entre o Concello e o Goberno que incluía a reurbanización da avenida das Pías”, asegurou o rexedor ferrolán na comparecencia posterior á reunión de traballo que mantiveron él, o secretario xeral, o delegado e o concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, no pazo municipal.  

Mato lembrou que o proxecto para a depresión da avenida e a eliminación do noiro sobre o que se asenta pasou por numerosas vicisitudes dende entón sen que se diran pasos definitivos para a súa materialización, pero asegurou que “agora si, a remodelación das Pías vaise facer”. 

Compromiso electoral 
Recordou tamén que “este gran proxecto para a cidade” foi un dos compromisos incluídos no programa co que se presentou ás eleccións municipais e explicou que no último ano traballouse intensamente para levalo a cabo, dado o seu encaixe na Axenda Urbana Española. Por ese motivo, agradeceu ao xefe da Demarcación de Estradas, Ángel González del Río, e ao xefe de Conservación e explotación, Eduardo Toba, “o seu traballo continuo no proxecto”. Tamén ao delegado do Goberno por “implicarse nel tan rapidamente, nada máis tomar posesión”, e ao secretario xeral de Infraestruturas pola “verdadeira sintonía” coa que ambos trataron unha actuación “tan necesaria para Ferrol”. 

Ademais, á redución de emisións, á mellora da mobilidade e á xeración de espazos libres, únese “a compoñente social, de sutura de barrios moi importante, de lugares moi diferentes, e a xeración de espazos conxuntos para aque todos os cidadáns poidan gozar das mesmas infraestruturas urbanas. Para min iso tamén e moi importante”, destacou Mato.

O rexedor detallou que o proxecto vai ter continuidade coa reurbanización da estrada de Castela entre as prazas de España e o Inferniño, que a concellería de Urbanismo ten agora mesmo en redacción. 

Por todo elo, felicitouse de que “dous gobernos socialistas culminen o traballo que iniciaron hai máis dunha década outros dous gobernos socialistas”. 

Proxecto “estratéxico” 
Para Sergio Vázquez, trátase dunha actuación “transformadora” que posibilitará “un Ferrol mellor”, porque con ela “faise cidade e consíguese máis espazo para as persoas. O secretario xeral asegurou que o proxecto das Pías “serviu de inspiración” para a nova orientación que o ministerio lle quere dar á Dirección Xeral de estradas, en busca da mobilidade sostible e que o automóbil “ceda espazo” ante outros medios de transporte e ante os peóns. Así, a actuación nas Pías será “o paradigma” para a conversión deste tipo de vías en zonas máis humanas, do “cambio de concepto”, e será tamén “o quilómetro cero das actuacións da Axenda Urbana que vai levar a cabo o Goberno en todo o país”. 

Para o financiamento, Vázquez referiuse á “oportunidade” que representan os fondos europeos e cos fondos europeos e o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, e asegurou que o propio ministro, cando viu “esta oportunidade”, considerou o proxecto como “estratéxico”.




Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar