Novas

venres, 04 de xuño de 2021

O Concello constituirá a primeira mesa de profesionais en saúde mental para abordar o impacto da pandemia

A edil de Benestar Social, Eva Martínez Montero, anunciou que tanto os servizos sociais como a Mesa Técnica municipal sobre Persoas Sen Teito percibiron un “aumento de casos como consecuencia da crise sanitaria, sobre todo entre vulnerables”. Estará constituída por persoal de psiquiatría, psicoloxía e traballo social da Área Sanitaria, dos servizos socias do Concello e unha representación da mesa, que hoxe celebrou unha nova sesión A súa función será a de establecer un protocolo de actuación entre os axentes implicados para “optimizar recursos e obter os mellores resultados”


O Concello constituirá a primeira mesa de profesionais en saúde mental para abordar o impacto da pandemia

O Concello de Ferrol vai constituír o próximo venres, 11 de xullo, a Mesa de Profesionais para a coordinación entre Benestar Social e Saúde Mental, un novo órgano cuxo fin será o de traballar de forma conxunta entre o persoal dos servizos sociais do Concello, profesionais de psiquiatría, psicoloxía e traballo social da Área Sanitaria de Ferrol e a Mesa Técnica municipal sobre Persoas Sen Teito — integrada por diferentes entidades sociais da cidade— co fin de abordar o impacto que está a ter a pandemia na saúde mental dos veciños da cidade, especialmente entre as persoas vulnerables en situación de sen fogar. Esta mesma mañá tivo lugar unha nova sesión da Mesa Técnica municipal sobre Persoas Sen Teito, na que se decidiu que será o albergue Pardo de Atín a entidade que forme parte do novo órgano en representación da mesa. 


A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, deu conta na comisión de Benestar Social, Igualdade, Muller, Xuventude e Patrimonio Histórico celebrada onte da constitución da nova Mesa de Profesionais para a coordinación entre Benestar Social e Saúde Mental, que nace tras percibir tanto por parte dos servizos sociais do Concello como da Mesa Técnica sobre Persoas Sen Teito “un preocupante aumento dos casos de saúde mental e do agravamento de situacións concretas como consecuencia do impacto da pandemia, sobre todo entre as persoas vulnerables sen fogar, con maior incidencia entre mulleres”. A función da mesa será a de establecer un protocolo de actuación entre os axentes implicados para “optimizar recursos e obter os mellores resultados”, explicou a edil.

Reunión co xefe de psiquiatría da Área Sanitaria de Ferrol 
Para abordar a constitución do novo órgano de traballo a concelleira mantivo recentemente unha reunión co xefe de psiquiatría da Área Sanitaria, Antonio Núñez Pérez, a quen agradece “a súa total disposición e colaboración para abordar de forma conxunta co Concello o impacto da pandemia entre os nosos veciños”. 

A constitución da nova mesa terá lugar o próximo 11 de xuño, á que acudirá a concelleira. A edil asegurou que “o coidado da saúde mental dos nosos veciños é unha prioridade”, polo que “desde o goberno local queremos abordar este asunto de forma coordinada cos distintos profesionais”. 

Día Internacional das Persoas en situación de sen fogar 
A concelleira anunciou esta mañá que a celebración do Día Internacional das Persoas en situación de Sen Fogar deste ano, que se celebra o 25 de novembro, terá lugar en Ferrol o 26 de outubro, cunha xornada que se dedicará á saúde mental precisamente para “concienciar e divulgar a necesidade de poñer o foco tamén neste aspecto como consecuencia da dura pandemia que estamos a vivir”. 





Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar