Novas

martes, 08 de xuño de 2021

O Concello aposta por promover o Camiño Inglés Inclusivo como recurso turístico e patrimonial

Máis de 50 usuarios de entidades sociais participaron na Primeira Andina Inclusiva do Camiño Inglés celebrada o pasado sábado en colaboración con ‘Aprende a voar’ con motivo da I Fin de Semana Inclusivo .A edil explicou que no marco da celebración en Ferrol de ‘Primavera no Camiño’, en colaboración coa Asociación de Concellos, abordarase a necesidade de que o percorrido sexa accesible para persoas con discapacidade motora e cognitiva.


O Concello aposta por promover o Camiño Inglés Inclusivo como recurso turístico e patrimonial

O Concello de Ferrol vai promover que a primeira milla do Camiño Inglés sexa inclusiva como recurso turístico e patrimonial co fin de achegar o percorrido ao conxunto da poboación, tal e como anunciou esta mañá a concelleira de Benestar Social e Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, tras celebrar Ferrol o pasado sábado a I Andaina Inclusiva do Camiño Inglés, promovida pola entidade ‘Aprende a voar’ xunto co Concello.


A edil explicou que o goberno local está a traballar en colaboración coa Asociación de Concellos do Camiño Inglés de cara á celebración en Ferrol dunha nova edición de ‘Primavera no Camiño’, que terá lugar o próximo 19 de xuño, en pleno Xacobeo 21-22. Neste marco “abordaremos que a primeira milla do trazado poida ser accesible para persoas con discapacidade motora ou cognitiva”. Ademais da súa parte social, dixo, a accesibilidade “ten tamén a súa parte patrimonial e turística” e “consideramos que o futuro pasa por converter tamén os nosos recursos en inclusivos”. 

Máis de 50 usuarios de entidades na Andaina Inclusiva
A concelleira destacou que a andaina inclusiva celebrada o pasado sábado contou coa participación de arredor de 50 usuarios de varias entidades —Aspanaes, Aspaneps, Virxe de Chamorro, ASCM, ONCE, Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra, CAMF e Basketmi—, que acudiron cos seus acompañantes. Sumáronse tamén representantes da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, a Xunta Xeral de Confrarías da Semana Santa de Ferrol e do Baxi, entre outras. Ao seu paso polo Cantón de Molíns os participantes gozaron da música da agrupación musical Virxe do Carmen.

A Fin de Semana Inclusiva incluíu tamén a visita a Ferrol de Javier Choren, coordinador do proxecto de baloncesto inclusivo ‘Suma’, do Cabildo de Gran Canaria, que integra a xogadores con Síndrome de Down, Autismo ou Asperger. Trátase dun proxecto que “se está a impartir en Las Palmas co clube de ABC Gran Canaria cun importante éxito no que se refire tanto ao número de participantes como no obxectivo fundamental do propio plan”, apuntou a edil. Choren impartiu a charla ‘Beneficios dun deporte normalizado para os nosos fillos’ co fin, explicou Martínez Montero, de dar a coñecer esta iniciativa posta en marcha polo Cabildo e “impulsar unha acción similar en Ferrol posto que lograr a inclusión é un dos nosos obxectivos”. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar