Novas

martes, 08 de xuño de 2021

O Concello conclúe en Serantes o proxecto de substitución da varanda e a ampliación da beirarrúa

A concelleira de Obras, Ana Lamas, apuntou que na vía próxima ao ambulatorio aumentouse o ancho da beirarrúa e realizáronse rebaixes co fin de “mellorar a súa accesibilidade”. A edil explicou que se distribuíu o espazo en favor do peón respecto ao vehículo na liña de desenvolver “actuacións que melloren a calidade de vida dos nosos veciños”


O Concello conclúe en Serantes o proxecto de substitución da varanda e a ampliación da beirarrúa

O Concello de Ferrol rematou xa o proxecto de substitución da varanda e a ampliación da beirarrúa en Serantes, que se atopaban en mal estado, cun orzamento de 47.544,48 euros. Trátase ademais dunha demanda dos veciños do barrio desde hai tempo, “que viñan solicitando a súa reparación”, explicou esta mañá a concelleira de Obras, Ana Lamas.


A varanda, na vía próxima ao centro de saúde do barrio, mostraba diversas deficiencias tales como barras dobradas, zonas desprendidas e, no seu último tramo, unha protección deficiente. Por todo elo, explicou Lamas, optouse por retirar e repoñer a totalidade do tramo de varanda, que separa a vía do parque, por outra de aceiro galvanizado pola súa maior calidade e durabilidade de deseño idéntico á que xa existe no tramo paralelo á Avenida 19 de Febreiro.

En canto á beirarrúa, presentaba un ancho insuficiente e defectos no seu firme que dificultaban o tránsito de peóns. Tamén se retirou e se repuxo por outra de formigón coloreado en vermello co fin de integrala estéticamente co resto de pavimentos de urbanización do barrio. Conta con 15 centímetros de espesor, maior anchura e tramos rebaixados coa intención de mellorar a súa accesibilidade, apuntou a concelleira. Neste punto lembrou que se distribuíu o espazo a favor do peón respecto ao vehículo “mantendo sempre un ancho mínimo do carril igual ou superior a 3,5 metros”. O fin, dixo, é “desenvolver actuacións que melloren a calidade de vida dos nosos veciños ao tempo que atendemos as súas peticións.” 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar