Novas

mércores, 09 de xuño de 2021

O Concello mantén aberto o prazo de inscrición para o programa ‘Movemos o corazón en Ferrol’, de envellecemento activo

A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, indicou que este mes se desenvolverá as mañás dos martes e xoves nos parques biosaudables da cidade. Os interesados poden inscribirse nos números de teléfono 606669021 e 678942901 e a finais de agosto abrirase un novo prazo para as sesións de setembro


O Concello de Ferrol mantén aberto o prazo de inscrición para o programa de envellecemento activo ‘Movemos o corazón en Ferrol’, unha iniciativa municipal, que desenvolverá Andaravía, que nace co propósito de “paliar a inactividade na poboación maior da cidade por mor da pandemia, o colectivo máis afectado pola crise sanitaria, ao tempo que recuperar a súa actividade de forma saudable dinamizando e potenciando o uso dos nosos parques biosaudables”, explicou a concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero.


O programa desenvolverase os meses de xuño e setembro. Para o primeiro ofértanse 20 prazas e terá lugar as mañás dos martes e xoves, de 9 a 10 horas e de 10.15 a 11.15 horas a partir da próxima semana. Os interesados poden inscribirse nos números de teléfono 606669021 e 678942901. A finais de agosto abrirase o prazo para o programa do mes de setembro.

O plan contempla sesións de 60 minutos cada unha e está dirixido a maiores de 65 anos empadroados en Ferrol e que non teñan patoloxía que lles impida realizar os exercicios que inclúe o programa, que desenvolverase ao aire libre nos distintos parques biosaudables da cidade. Cada participante recibirá un chaleco identificativo da actividade promovida polo Concello e unha mochila provista dunha máscara hixiénica para usar tras a actividade física, unha botella de auga biodegradable e reutilizable, unha peza de froita e outro alimento enerxético. Tamén recibirán unha breve charla nutritiva sobre os alimentos máis recomendables cando se fai exercicio físico.

A edil lembrou que a práctica de exercicio físico “ten moitos beneficios, máis aínda para os maiores”, como a mellora do sistema circulatorio, a diminución das patoloxías crónicas, a mellora do equilibro e da concentración, axuda a conciliar o sono, aumenta o optimismo e o bo humor e atrasa o envellecemento. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar