Novas

mércores, 09 de xuño de 2021

O Concello recibiu da Xunta antonte a documentación e as chaves das instalacións de saneamento da Malata

O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, explicou esta mañá en comisión informativa que Augas de Galicia fixo entrega a través do rexistro municipal dunha obra acerca da que a conselleira de Infraestruturas manifestou o pasado luns que “está completamente rematada hai xa algúns meses”


O Concello de Ferrol recibiu este luns da Xunta de Galicia a documentación relativa ao novo saneamento da Malata e as chaves das instalacións. Augas de Galicia fixo a entrega a través do rexistro municipal. Segundo manifestou a conselleira de Infraestruturas durante unha visita á cidade o pasado luns, a obra “está completamente rematada hai xa algúns meses”, pero a súa recepción por parte do organismo autónomo formalizouse o venres 28 de maio, tal como consta na acta asinada por representantes da Administración autonómica, da unión temporal de empresas adxudicataria e o director de obra, na que non consta ningún espazo para representante do Concello de Ferrol. De todos modos, técnicos municipais asistiron a ese acto.


De todos estes extremos deu conta esta mañá en comisión informativa o concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, que avanzou que proximamente entrará en funcionamento o novo sistema, dado que o tanque de tormentas situado nas inmediacións de FIMO xa dispón de conexión eléctrica, pese a que o Concello recibiu as chaves hai só dous días, e a empresa subministradora de enerxía informou de que axiña terá tramitada a conexión das demais instalacións solicitada polo Concello. 

Pendente a retirada de boias por parte de Augas de Galicia  
Por outra banda, Augas de Galicia comunicoulle onte ao Concello telefonicamente que en vindeiras datas, coincidindo coa finalización das conexións á enerxía, retirará varias boias que impiden o fluxo de auga cara a infraestrutura (co fin de evitar que se encha o colector antes da súa entrada en servizo), unha operación necesaria para a posta en marcha. Por ese motivo, Reina detallou que, dada a boa disposición da Administración autonómica para axilizar prazos, confía en que a entrada en funcionamento do novo sistema non se demore. 

Mentras tanto, os técnicos municipais estudan a documentación remitida por Augas de Galicia hai dous días, que consta de dous volumes de arredor de mil páxinas cada un e arquivos dixitais. 

A Xunta enviou o 27 de maio o borrador do proxecto do río da Sardiña  
A obra da Malata, financiada fundamentalmente con fondos europeos, deixa practicamente completado o saneamento integral da ría de Ferrol, a falta só do proxecto do río da Sardiña. Augas de Galicia enviou ao Concello un borrador de convenio para executar ese proxecto, para o que, segundo consta no documento, se precisará un investimento de 900.000 euros, aportados pola Xunta e o Concello. Trátase dunha iniciativa para a que o propio edil de Urbanismo solicitou un impulso por parte da Xunta hai máis dun ano. Recibido o borrador de convenio o 27 de maio, hai xusto dúas semanas, os servizos xurídicos municipais están a analizalo para poder darlle trámite á maior brevidade posible.   

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar