Novas

mércores, 09 de xuño de 2021

O curso de construción organizado polo Concello, Cáritas e Apecco destinado a persoas en risco de exclusión acada unha inserción laboral superior ao 50 %

Esta mañá presentáronse os resultados da acción formativa, que as entidades confían en que mellore os seus resultados a curto prazo, xa que das 13 persoas que superaron parte teórica e prácticas, 7 están traballando, unha está a piques de ser contratada as outras 5 contan con serias posibilidades


O curso de construción organizado polo Concello, Cáritas e Apecco destinado a persoas en risco de exclusión acada unha inserción laboral superior ao 50 %

O alcalde, Ángel Mato; o concelleiro de Urbanismo, Julián Reina; a Concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero; a directora de Cáritas Diocesana de Ferrol, María Victoria González, e o presidente de Apecco, Diego Vázquez Reino, presentaron esta mañá no pazo municipal os resultados de inserción do curso de reforma de interiores e revestimentos realizado no Centro de Emprego Municipal grazas á colaboración do Concello e ambas entidades, e que tiña como destinatarias persoas en risco de exclusión social. 


Das 16 que iniciaron a acción formativa, 13 lograron completar as súas prácticas en empresas da comarca e 7 acadaron un posto de traballo. Ademais, outro dos participantes está á espera de ser contratado e os outros 5 contan con serias posibilidades de atopar un emprego a curto prazo, segundo detallaron as entidades organizadoras. 

Para o desenvolvemento do curso, ademais de ceder as instalacións, o Concello contribuíu cunha achega económica de 8.567 euros a través da concellería de Emprego, que dirixe María Teresa Deus. O Concello, Cáritas e Apecco (Asociación Provincial de Empresarios da Construción) puxeron en marcha o proxecto o pasado verán para tratar de ofrecer unha saída laboral a persoas en situación de vulnerabilidade ao tempo que se cubre a demanda dun sector que nestes momentos ten déficit de man de obra, como é o da construción. Constou de 559 horas, das cales 459 foron teóricas e outras 100 tiveron carácter práctico. 

Este curso de reformas de interiores e revestimentos está incluído no Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social (Poises) 2020-2023 da UE e trátase dunha operación cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Social Europeo (FSE).

Ángel Mato: “O éxito foi moito máis aló do que esperabamos” 
Logo dunha reunión á que asistiron tamén representantes das empresas que participaron no programa, o alcalde mostrou a “total disposición” por parte do Concello para darlle continuidade a esta acción formativa no futuro, dado que “queda demostrado o retorno” dos fondos públicos que se destinan a ela, e mostrou a súa satisfacción porque “o éxito foi moito máis aló do que esperabamos”. Mato incidiu especialmente en que entre xa contratados e aspirantes a un posto de emprego con posibilidades reais, a porcentaxe de inserción no mercado laboral situaríase “por enriba do 70 %”. 

Por parte de Apecco (Asociación Provincial de Empresarios da Construción), o seu presidente valorou especialmente que “por primeira vez” unha Administración pública, neste caso o Concello de Ferrol, se implique neste tipo de iniciativas que xa están en marcha noutras cidades da provincia. Destacou tamén que este proxecto pon de manifesto a “modernización” do sector e o seu achegamento á sociedade. 

A directora de Cáritas explicou que a clave do éxito da iniciativa foi contar coas prácticas nas empresas asociadas a Apecco para que os alumnos puidesen “traballar e confiar nas súas capacidades”. “Foi moi importante que o proxecto atendera ás necesidades empresariais”, engadiu. 





Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar