Novas

xoves, 10 de xuño de 2021

A Policía Local de Ferrol foi requirida o pasado ano en preto de 10.300 ocasións

O concelleiro de Seguridade e Tráfico, Germán Costoya, apuntou que se realizaron máis de 6.250 servizos, a maioría por cumprimento de ordenanzas ou regulamentos, por tráfico e por asuntos vencellados coa seguridade cidadanía


A Policía Local de Ferrol foi requirida o pasado ano 2020 en 10.287 ocasións —a maioría a demanda cidadá a través da sala 092— das que 6.260 xeraron a prestación de servizos. É unha das conclusións do informe anual da Policía Local de Ferrol que esta mañá deu a coñecer o concelleiro de Seguridade e Tráfico, Germán Costoya. O maior número de chamadas recibidas concentráronse nos meses de xullo, agosto e setembro e por días de luns a sábado. En canto á distribución horaria, o 45 % das chamadas realizáronse pola mañá, o 35 % pola tarde e o resto de noite. Entre as 11 e as 13 horas é cando máis demandas cidadáns se recibiron.


O principal motivo polo que a Policía Local prestou servizo (6.260) foi por consultas vinculadas a infraccións de ordenanzas e regulamentos (Policía Administrativa), con 1.251 servizos, seguido de asuntos vencellados co tráfico (1.202), e por incidencias sobre seguridade cidadá (1.003). A continuación está a realización de notificacións ou informes (803), colaboracións ou auxilios (723), servizos municipais (677), controis policiais (453) e reclamacións (148).

No primeiro caso, os 1.251 servizos vencellados co cumprimento das normativas municipais, o informe anual revela que os motivos máis destacados son as incidencias derivadas da contaminación acústica (206), por residuos e vertidos (169) e por tenencia de animais (169). 

En canto aos 1.202 servizos motivados por tráfico, onde a Policía Local exerce competencia específica e exclusiva, destacan as 455 ocasións nas que o cidadán acudiu á policía para poñer en coñecemento a existencia dun accidente de tráfico, 110 para denunciar unha infracción e 63 para informar doutro tipo de incidencias.

Por último, das 1.003 intervencións en materia de seguridade cidadá, destacan os 208 servizos por altercados, 77 por motivos vencellados ao covid-19 e 76 tras solicitar auxilio. 

0 83 % dos servizos requiridos, na zona urbana 
O informe anual da Policía Local revela que o 83 % dos servizos prestados ao longo do pasado ano foron na zona urbana e o resto no rural. No primeiro caso, o de San XoánBertón foi o barrio que máis servizos requiriu (830), a maioría por incidencias de tráfico e de seguridade. O segundo foi o barrio da Magdalena (781) e os asunto principais foron policía administrativa seguido da seguridade, e no terceiro posto sitúase o Ensanche A (580), onde se interviu principalmente en materia de seguridade e policía administrativa.

Seguen na listaxe os barrios de Caranza (468), onde a maioría de servizos foron por seguridade, orde e tráfico; Canido (395), con tráfico e policía administrativa nos primeiros postos; Esteiro (345), coa maioría de servizos centrados en trámites administrativos, seguridade e orde; Ensanche B (302), a maioría por tráfico; Recimil (301), por seguridade e orde; San Pablo-Catabois (175), co mesmo perfil; Santa Mariña (170), con asuntos vencellados ao tráfico e á policía administrativa nos primeiros postos; e no último lugar sitúase Ferrol Vello, con 157 servizos, a maioría motivados por trámites administrativos, seguridade e orde.

San Felipe, Serantes e Santa Icía, o rural que máis demandou
En canto ao 17 % dos servizos desenvolvidos pola Policía Local na zona rural, os barrios que máis atención requiriron foron San Felipe, con 175; Serantes, con 161; e San Icía, con 159, o que supón máis do 51 % do total de intervencións practicadas fora do centro urbano de Ferrol.

Costoya destacou o “fundamental labor” que desenvolva a Policía Local e agradeceu o seu esforzo e implicación nun ano tan complicado como o pasado por mor da irrupción da pandemia”. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar