Novas

xoves, 01 de xullo de 2021

O Concello remata os programas de emerxencia social ‘Ferrol Cidade Inclusiva’ e ‘Ferrol Acolle’ con preto de 200 participantes

A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, indicou que se traballou en rede coas entidades sociais da cidade que forman parte do Grupo de Traballo de Persoas Sen Teito


O Concello remata os programas de emerxencia social ‘Ferrol Cidade Inclusiva’ e ‘Ferrol Acolle’ con preto de 200 participantes

O Concello de Ferrol vén de rematar os programas de emerxencia social ‘Ferrol Cidade Inclusiva’ e ‘Ferrol Acolle’, dúas iniciativas postas en marcha no ano 2020, en agosto, co fin de acompañar, formar e asesorar ás persoas vulnerables da cidade en risco de exclusión social. 


A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, indicou esta mañá que no caso do primeiro, o traballo dividiuse en dous bloques. Un dirixido á inclusión sociolaboral e outro á transición ao emprego, que suman preto de 100 participantes e máis de 3.700 horas de actividade. No marco do primeiro desenvolvéronse itinerarios personalizados “identificando fortalezas e debilidades persoais, familiares e sociais”, apuntou a edil. O obxectivo foi tamén “potenciar as súas habilidades sociais, orientalos respecto ás súas inquedanzas e desexos, fomentar a resolución de problemas, proporcionar acompañamento psicolóxico e emocional e tamén asesoramento familiar, entre outras funcións”. 

Establecéronse espazos de escoita para acoller aos usuarios, desenvolvéronse cursos para potenciar habilidades sociais e abordar outras materias, como a de alfabetización dixital, fixéronse obradoiros —Ferrol en Feminino, o artístico Meninas de Canido e visitas guiadas ao Museo de Historia Natural— e actividades de reforzo escolar. Tamén se derivaron usuarios á Clínica Universitaria de Podoloxía co fin de promover a saúde e o autocoidado no marco do convenio do Concello de Ferrol e a Universidade da Coruña. 

En canto ao bloque destinado á transición ao emprego, o programa ‘Ferrol, Cidade Inclusiva’ traballou co fin de achegar ao mercado laboral ás persoas con dificultades para obter ou manter un emprego, suxeitas a procesos de discriminación ou desigualdades sociais. Tamén se abordou aumentar a súa autonomía persoal e familiar “para favorecer a adquisición de coñecementos que as capaciten para mellorar a empregabilidade e aprender estratexias de formación e busca de emprego”. Desenvolvéronse varios cursos, como o de prevención de riscos laborais, de alfabetización dixital, de limpeza de superficies e mobiliario, manipulación de alimentos e en competencias claves, entre outros. 

En canto ao programa municipal ‘Ferrol Acolle’, o Concello traballou cun preto de 100 participantes durante arredor de 2.500 horas a través de tres liñas de actuación. A primeira, a de avanzar para vencer as dificultades para acceder e manter a estabilidade residencial, polo que o Concello se centrou en acompañar a estas persoas no seu acceso a unha vivenda de alugueiro e en potenciar unha maior autonomía persoal. Tamén en aumentar a sensibilización da cidadanía cara ao acceso á vivenda das persoas vulnerables. Precisamente con este fin o Concello de Ferrol e a Asociación de Profesionais Inmobiliarios do Noroeste (APIN) estableceron un convenio de colaboración. O persoal do Concello tamén acompañou aos usuarios na súa busca de vivenda de alugueiro, mediou con veciños e propietarios e fomentou as súas competencias socias.

A segunda abordou a transición ao emprego, para o que se desenvolveron cursos de formación como o de prevención de riscos laborais, de auxiliar de comercio, almacén e loxística e manipulador de alimentos, celebrouse un cineforum sobre habilidades sociais e prelaborais e fomentouse o uso da Biblioteca municipal. Por último, a terceira liña de traballo centrouse no desenvolvemento de outras tantas actividades co fin sempre de promover a inclusión dos usuarios no mercado laboral.

A concelleira lembrou que a selección dos participantes se fixo a través da derivación do servizos sociais municipais do Concello así como das entidades que forman parte do Grupo de Traballo de Persoas Sen Teito, que engloba ás entidades que traballan con este colectivo. “Traballamos en rede co fin de obter os mellores resultados na promoción de ferramentas que amplíen as posibilidades de acceder a unha vivenda e a un posto de traballo”. Os programas tramitáronse con cargo ao Fondo Social Europeo a través da Administración autonómica, e para os que o Concello de Ferrol conseguiu a principios de ano pasado unha subvención de preto de 300.000 euros, o 100 % do financiamento. 






Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar