Novas

xoves, 01 de xullo de 2021

Goberno local e FeC pechan un acordo que permitirá aprobar os orzamentos municipais

O alcalde e o voceiro de Ferrol en Común explicaron os termos dun pacto que servirá para sumar ás contas iniciativas en materia de accesibilidade, solidariedade, participación, deporte, mellora do espazo público e servizos para o rural. Ángel Mato: “Isto é moi importante para a cidade porque supón dispor duns presupostos acadados por unha maioría progresista e que todos queremos que sirvan de revulsivo despois de máis dun ano de pandemia”


Goberno local e FeC pechan un acordo que permitirá aprobar os orzamentos municipais

O goberno local e o grupo municipal de Ferrol en Común pecharon hoxe un acordo que posibilitará a aprobación dos orzamentos. Anunciárono o alcalde, Ángel Mato, e o voceiro de FeC, Jorge Suárez nunha comparecencia conxunta durante a que o rexedor subliñou a importancia deste pacto para a cidade, “porque supón dispor duns presupostos acadados por unha maioría progresista e que todos queremos que sirvan de revulsivo despois de máis dun ano de pandemia”. 


Mato lembrou o compromiso do goberno local de negociar “abertamente e con todos os grupos políticos”, que deu como resultado acordos con FeC e BNG e “volver contar co apoio dos concelleiros que votaron a investidura”, algo do que se mostrou “tremendamente satisfeito”. Asegurou que ambas partes foron xenerosas durante as conversas e decidiron deixar á marxe os asuntos que as distanciaban, xa que nos seus programas “hai moitos puntos de coincidencia”. Tamén que moitas das propostas de Ferrol en Común “encaixan perfectamente coa liña de traballo do goberno local”. 

No que se refire ás cuestións que quedaron fóra do acordo, tanto o alcalde coma Suárez coincidiron en que se trata de posicións “lexítimas”. Neste punto, Mato concretou que a retirada da partida específica para completar o convenio co Ministerio de Defensa serviu para poder avanzar no pacto, pero que o goberno local non renunciará a sacalo adiante, posto que se trata dun proxecto clave para o presente mandato. Entre os puntos de unión, o alcalde citou as políticas sociais, o compromiso coa rehabilitación de Recimil, proxectos de reurbanización ou o saneamento. 

Mato avanzou que os servizos económicos municipais están a traballar xa na incorporación dos diferentes puntos dos acordos con FeC e BNG ao documento definitivo. Unha vez rematen, será ditaminado pola Comisión Informativa de Economía, Facenda, Emprego e Recursos Humanos, e seguidamente celebrarase un pleno extraordinario para sometelo á corporación. En canto aos prazos, considera que, en función dos trámites administrativos, esa sesión podería convocarse para finais da vindeira semana. 

Finalmente, agradeceu a Ferrol en Común e ao Blonque Nacionalista Galego que ao longo das pasadas semanas negociaran “con lealdade e transparencia” e puxeran os intereses da cidade por diante de calquera outros.

Pola súa banda, Jorge Suárez destacou que “a nosa cidade necesita máis que nunca o consenso e un futuro no que se poida artellar un bloque de esquerdas que dea unha resposta coherente e máis social a unha crise sen precedentes no demográfico e no emprego”. De aí que vexa como un exercicio de “responsabilidade” acadar un acordo fundamentado nunha serie de eixes que pasou a enumerar: a lealdade no cumprimento dos acordos, o esforzo en dotar de medios humanos o Concello, a consecución dunha cidade máis accesible, a activación e estudo de diferentes plans destinados á solidariedade, o fomento da participación, a intervención no espazo público, a mellora do rural e a posta en marcha de proxectos relacionados co deporte. 

En detalle, segundo foi explicando, estas liñas inclúen puntos tales como a execución da quinta fase de pasos de peóns accesibles, a instalación dun elevador no aparcadoiro do Cantón, o desenvolvemento de plans sociocomunitarios en Recimil e San Pablo, o estudo dunha renda municipal básica, o incremento dos fondos de emerxencia social de cara ao orzamento do 2022, a incoación do expediente dun novo regulamento de participación cidadá, un proxecto construtivo para a praza de Rosalía de Castro, un local social para o barrio de Ultramar, a reurbanización de Pardo Baixo, a rehabilitación de interiores de vivendas públicas de Recimil, un proxecto de nova urbanización para a praza Vella, a reconfiguración do proxecto da casa de Carvalho Calero, a redacción do proxecto de rehabilitación da Casa do Patín, a posta en marcha dun servizo de rozas municipal cunha cuadrilla permanente, a inclusión do saneamento do río da sardiña e do inicio do saneamento do rural no orzamento do 2022, o desenvolvemento dun plan para a implantación de iluminación pública de baixo consumo no rural e o desenvolvemento dun proxecto integral para a zona deportiva marítima da Cabana nas contas do 2022, que tería como paso previo pequenas intervencións xa este ano.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar