Novas

venres, 02 de xullo de 2021

Ferrol xa presta o novo servizo de atención no fogar, que aumentará en ao menos cen o número de usuarios

A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, explicou que o persoal recibiu xa o novo material: batas, epis, axendas, teléfonos móbiles e a posibilidade de realizar unha proba de antíxenos. O novo contrato, en vigor desde o día 1 de xullo, parte con máis de 282.200 horas de asistencia, 71.000 horas máis que as recollidas no anterior servizo


Ferrol xa presta o novo servizo de atención no fogar, que aumentará en ao menos cen o número de usuarios

O Concello de Ferrol presta desde onte mesmo o novo servizo de axuda no fogar (SAF) despois de que se adxudicara á empresa Clece por unha duración de dous anos, prorrogables anualmente ata un máximo de outros dous (2+1+1) cun importe de adxudicación de 10.539.040,18 euros polos dous anos. 


A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, explicou esta mañá que o novo contrato parte con arredor de 282.200 horas de asistencia, 71.000 horas máis que as recollidas no anterior, polo que o novo servizo “que estamos a prestar nos vai permitir incrementar o número de altas en ao menos cen máis”. O servizo comezou onte con 360 usuarios. 

Neste punto a edil lembrou que as horas se reparten dando prioridade aos usuarios cun grado de dependencia de nivel 3 —que como consecuencia requiren máis horas de atención— fronte ao resto de niveis, que supoñen menos tempo de traballo, polo que “o número de beneficiarios deste servizo, que vai en función das horas das que dispoñemos, non é comparable coa cifra de usuarios doutros anos”. 

Neste senso, a edil destacou que o obxecto do novo contrato é a prestación do servizo nas modalidades de libre concorrencia (ou prestación básica) e de dependencia, é dicir, a atención ás persoas que teñen recoñecido o dereito ao SAF polo Sistema Galego de Atención á Dependencia. O fin é “mellorar a calidade de vida dos nosos usuarios, posibilitar a permanencia das persoas no seu entorno, favorecer a autonomía persoal no propio domicilio, manter as redes de relación familiar e social, previr situacións de dependencia ou exclusión social, retardar a institucionalización e reforzar a solidariedade”, apuntou a concelleira de Benestar Social.

Un contrato de “calado” que ofrece un servizo “vital” para o benestar social 
A edil Martínez Montero explicou esta mañá que se trata dun contrato “de calado” que vai ofrecer un servizo “vital para o benestar social dos nosos veciños”. O SAF recolle unha serie de actuacións para levar a cabo actividades básicas da vida diaria, como son a asistencia para erguerse e deitarse, apoio no coidado e hixiene persoal, control do réxime alimentario, supervisión das rutinas de administración de medicamentos e apoio para cambios posturais. Tamén en relación a outras actividades, por exemplo, apoio en tramites administrativos urxentes ou acompañamento para acudir a consultas ou tratamentos. 

En canto a atencións de carácter doméstico e da vivenda, inclúe a limpeza ordinaria, a compra de alimentos e produtos de uso común, a preparación de alimentos, o lavado e coidado de prendas de vestir, depositar o lixo e a axuda cos animais domésticos. Ademais, recolle atencións de carácter psicosocial ou educativo, a posibilidade de actividades de acompañamento e socialización e servizos de podoloxía fisioterapia e perruquería. O prego contempla a subrogación de todo o cadro de persoal, 162 auxiliares, e as súas condicións laborais, ao pasar a traballar nunha soa empresa, unificaranse.

Test de antíxenos, epis e un móbil para o persoal 
A concelleira detallou que o persoal que xa desenvolve os labores de atención no fogar vén de recibir un kit con novo material, no que se atopan batas de traballo, epis, unha axenda e un teléfono móbil para as súas funcións. Tamén se lles está a realizar un test de antíxenos ás empregadas que o desexan. Do mesmo xeito, os usuarios recibiron unha axenda e un imán de neveira co número de teléfono de asistencia. 

O Concello impartirá formación coa vontade ampliar o cadro de persoal 
A concelleira anunciou esta mañá que o Concello vai desenvolver un curso de formación para auxiliar de axuda a domicilio, que contará con prácticas no propio servizo municipal de atención no fogar, co fin de “nun futuro contar con persoal coa formación necesaria para ampliar o número de traballadoras”. 









Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar