Novas

venres, 02 de xullo de 2021

O alcalde e a conselleira de Política Social asinan o convenio para a construción da residencia de maiores do Bertón

Ángel Mato lembrou que o documento rubricado esta mañá é o mesmo que o goberno local e a Administración autonómica acordaron no 2019, e mostrou a súa satisfacción pese a que “chega un pouco máis tarde do que debera”. O rexedor insistiu en que a situación do novo complexo na parcela onde finalmente se vai levantar era unha cuestión “importante”, xa que a intención era achegala á zona urbana, e agora vai ocupar “un espazo óptimo da cidade”


O alcalde e a conselleira de Política Social asinan o convenio para a construción da residencia de maiores do Bertón

O alcalde, Ángel Mato, e a conselleira de Política Social, Fabiola García, asinaron esta mañá o convenio que posibilitará a construción dunha residencia de maiores con 120 prazas no Bertón. O documento recolle a cesión por parte do Concello dunha parcela de de 8.815 metros cadrados (denominada D-1 do Plan Parcial da zona) na que se levantarán as novas instalacións, incluídas no programa de promoción autonómica Como na Casa. A figura xurídica que se contempla no convenio para a cesión á Xunta é a mutación demanial. Así, a entrega queda vinculada á utilización da parcela para o fin concreto de construír nela a residencia, de xeito que de non poder levarse a cabo o proxecto por calquera circunstancia, o solo revertería de novo no Concello. 


Mato dixo que hoxe é “un día importante para a cidade”, posto que se da un paso clave. “A relación entre institucións é básica para garantir os servizos á cidadanía”, afirmou en referencia ao bo entendemento coa Xunta de Galicia no tocante a este proxecto, aínda que lamentou que a sinatura “chega un pouco máis tarde do que debera”, porque no 2019 este mesmo convenio “foi posto enriba da mesa e lamentablemente non contou coa maioría do pleno”, lembrou. 

Pese a iso, o rexedor destacou que finalmente o acordo dos grupos este ano serviu para poñer en marcha outra iniciativa “tamén moi ilusionante”, como é a de crear na zona do Boial un “novo modelo residencial para persoas menos dependentes”, o cal vai situar a Ferrol “á vangarda” neste eido. 

Para Mato, a situación da residencia de maiores no Bertón “era importante” co fin de achegala á zona urbana e á cidadanía, para que puidese estar máis próxima “á vida cotiá da cidade” e integrala nun barrio en crecemento. “É un espazo óptimo da cidade”, afirmou. 

O alcalde de Ferrol agradeceu o compromiso tanto da Xunta coma da Fundación Amancio Ortega, que sufragará a infraestrutura. Desta última destacou as “achegas tan importantes” que ten realizado a Galicia en materia de benestar social. “A colaboración para garantir un bo camiño na construción e na xestión da residencia está máis que garantido”, finalizou Ángel Mato. 

A conselleira asegurou, pola súa banda, que coa nova residencia Ferrol estará “á vangarda” no eido dos coidados e lembrou que o custo do edificio está calculado en 12 millóns de euros. Explicou que ademais das 120 prazas para usuarios, contará con unidades psicoxeriátricas e nela traballarán de xeito directo 110 persoas. Será, dixo, o modelo das “residencias do futuro” de Galicia.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar