Novas

luns, 05 de xullo de 2021

O alcalde defende no Eixo Atlántico a eólica mariña e o almacenamento de enerxía como sectores clave para xerar emprego e dinamizar a industria

Ángel Mato participou hoxe na reunión extraordinaria da Comisión Executiva na que se debateu sobre os procesos de reconstrución e os fondos destinados a ese fin. “Hai que asegurarse ven de que van servir para acadar unha recuperación económica eficaz, que sexan un instrumento para xerar emprego e dinamizar o tecido industrial”, afirmou. O rexedor ferrolán foi designado para presidir a Comisión Política de Innovación da organización, unha das cinco que se constituíron na xuntanza celebrada en Viana do Castelo


O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, participou esta mañá en Viana do Castelo na reunión extraordinaria da Comisión Executiva do Eixo Atlántico, que tiña como obxectivo debater monograficamente sobre os plans de recuperación e resiliencia post pandemia de Portugal e de España. Tamén do papel que as autoridades locais xogaron na xestión da crise e, por tanto, o que deben de xogar na xestión dos fondos para a recuperación dos efectos da pandemia. O rexedor ferrolán explicou que todos os concellos reclamaron “transparencia na distribución dos fondos e unha simplificación na súa tramitación administrativa”. “Hai que asegurarse ben de que van servir para acadar unha recuperación económica eficaz. Ademais das melloras en materia de sustentabilidade, é necesario que sexan un instrumento para xerar emprego e dinamizar o tecido industrial”, defendeu Ángel Mato antes de poñer como exemplo as potencialidades da eólica mariña, “algo que comparten Ferrol e Viana, posto que dispositivos que funcionan na localidade lusa foron montados na cidade”.

“Hai que ser coherentes coa realidade industrial que temos e aproveitar estes fondos para facer despegar ese sector, o do almacenamento da enerxía ou calquera outro baseado na innovación, aproveitando toda a cadea de valor, dende o deseño ata o desenvolvemento de novos dispositivos”, detallou o alcalde de Ferrol, para o que é imprescindible “fortalecer a industria” como medio para saír da crise. “Pouco sentido ten calquera esforzo en mellorar as nosas zonas urbanas se despois os nosos mozos, formados nas nosas universidades, non poden aproveitar o seu talento para aportalo á sustentabilidade e á economía do territorio”, afirmou.

Ao encontro asistiron por primeira vez os presidentes das comisións políticas constituídas hoxe en virtude das conclusións da Conferencia de Alcaldes de Pontevedra, así coma os expertos de alto nivel que se integrarán en cada unha delas. O rexedor ferrolán foi designado para presidir a Comisión Política de Innovación, unha das cinco que se poñen en marcha, xunto ás de Sustentabilidade, Política Social, Política Económica e Rexeneración Urbana.

Durante a sesión, que se prolongou durante máis de tres horas, concluíuse que os concellos xogaron un papel determinante na xestión da crise, dende os servizos básicos á poboación, incluíndo servizos sociais e educativos, a subministración á poboación de alto risco, as axudas a pemes e autónomos, ata a motivación e o mantemento do estado de ánimo colectivo nun momento extremadamente duro para o que ninguén estaba preparado. En consecuencia, reclamouse que os concellos xoguen un papel relevante na primeira liña da xestión dos fondos, incluíndo a aceptación das súas propostas sobre actuacións a financiar xa que son os mellor coñecedores das necesidades dos seus territorios e dos seus cidadáns.

Tamén se constatou que tanto o programa español como o portugués, remitidos á Comisión Europea, integran os eixes principais que a Conferencia de Alcaldes do Eixo Atlántico identificou como prioridades para a saída da crise, en Pontevedra, o pasado ano. Desde esa óptica os alcaldes manifestaron o seu acordo cos eixes prioritarios de ambas as propostas portuguesa e española, aínda que lamentan que en moitos casos non se concretasen nas remitidas polos concellos.

Así, existe unha preocupación maioritaria sobre a eficiencia e o resultado dos fondos, o seu aproveitamento ou a posible perda dun volume importante polas trabas burocráticas que os sistemas que se están deseñando poidan levar.

Por tanto, destacouse a importancia de reforzar e incrementar a participación dos concellos na xestión destes fondos, tanto na súa programación como na súa execución, para garantir a eficiencia dos mesmos para os obxectivos aos que van destinados, nunha situación que se produce tanto a nivel do Goberno portugués coma do español e da Xunta de Galicia.






Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar