Novas

martes, 06 de xullo de 2021

O Concello inicia a actualización da Ruta Modernista por 28 edificios de Rodolfo Ucha con novas placas identificativas e contidos dixitais

O relanzamento da ruta contempla dous percorridos, o dos edificios estritamente modernistas (1909-1916), con placas azuis, e o dos de estilo neoecléctico (1916-1927), con placas laranxas. Cada sinal, de 31 x 13,5 cm, contará con códigos QR para acceder a un nova plataforma online con información e audioguías en galego, castelán e inglés


O Concello inicia a actualización da Ruta Modernista por 28 edificios de Rodolfo Ucha con novas placas identificativas e contidos dixitais

O Concello de Ferrol vén de adxudicar o proxecto que relanzará a actual Ruta Modernista de Ferrol, que percorre edificios de Rodolfo Ucha Piñeiro (Vigo, 1882-Ferrol, 1981), arquitecto municipal durante o primeiro tercio do século XX e autor de destacadas obras na cidade, tanto modernistas (1909-1916) como neoeclécticas (1916-1927). 


A través da Sociedade Mixta de Turismo de Ferrol, o Concello propúxose reactivar a Ruta Modernista, para o que xa comezaron os traballos. Actualizarase o propio percorrido, incluíndo agora 28 edificios que se dividirán á súa vez en dous roteiros, un de construcións estritamente modernistas, con 17 inmobles, e outro que recollerá 11 de estilo neoeclécticismo. En todos colocaranse novas placas identificativas uniformes, de 31 x 13,5 cm e azuis para os edificios modernistas e laranxas para os neoeclécticos. Contarán con códigos QR que levarán a unha nova plataforma dixital cun mapa interactivo con imaxes e contidos de audio e texto en galego, castelán e inglés, que estará dispoñible na web de Turismo de Ferrol. A concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, indicou que ademais se poñerán a dispor dos cidadáns un total de 5.000 trípticos promocionais de ambas rutas, tamén cos códigos QR. 

O obxectivo, explicou, é “homoxeneizar os criterios da ruta e presentar un catálogo máis estrito en canto ao estilo artístico da obra de Ucha diferenciando os edificios modernistas dos posteriores neoeclécticos”. Son, apuntou, dúas etapas “históricas e artísticas diferentes aínda con elementos comúns”. Á primeira corresponden os localizados en Rubalcava 55, Hospital 53, María 172, Dolores 67, Real 64, 97, 125, 134 e 148, Dolores 64, Magdalena 61, 213 e 186, a peixaría do Mercado da Magdalena, Igrexa 4 e 72 e Pardo Baixo 25. Da etapa neoecléctica son Real 100 e 193, María 192, Magdalena 185, 220 e 230, Igrexa 142, Alegre 69, Rubalcava 29, o Teatro Jofre e a Casa Antón. Esta actualización da ruta baséase no estudio O Modernismo a través da obra de Rodolfo Ucha que a Sociedade Mixta de Turismo encargou á historiadora da arte ferrolá Pilar Freire, un documento froito tamén de encontros coa familia do arquitecto.

O fin, fomentar o coñecemento sobre o artista 
A reactivación da Ruta Modernista forma parte das iniciativas que o Concello está a poñer en marcha con motivo da celebración este ano e o próximo do falecemento e nacemento, respectivamente, do arquitecto, tras aprobar por unanimidade no pleno municipal o seu nomeamento como Fillo Adoptivo da cidade. A edil anunciou que seguirán outras accións, como a elaboración de unidades didácticas arredor de Ucha que se traballarán nas aulas ao longo do próximo curso escolar. O fin e “fomentar o coñecemento sobre o artista ferrolán entre os nosos veciños e tamén entre os visitantes”.





Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar