Novas

martes, 06 de xullo de 2021

O Concello abre o prazo mañá para solicitar as axudas á escolarización e as becas de comedor para o próximo curso escolar

A contía da axuda á escolarización pasa dos 95 euros do pasado ano a 100 por neno, que deberán destinarse á adquisición de material escolar, incluído novas tecnoloxías vencelladas ao estudo, e roupa deportiva. O orzamento destinado ás becas para comedor, que cobren a totalidade do custe das comidas dos escolares, é de 283.000 euros, 3.000 máis que no pasado curso


O Concello abre o prazo mañá para solicitar as axudas á escolarización e as becas de comedor para o próximo curso escolar

O Concello de Ferrol abre mañá o prazo para presentar as solicitudes para as axudas municipais á escolarización e as becas de comedor escolar, ambas para o próximo curso escolar 2021-2022. O prazo é de 10 días hábiles desde mañá despois de que hoxe se publicara no BOP a convocatoria. (https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2021/07/06/2021_0000005467.pdf).


A contía da axuda á escolarización pasa dos 95 euros do pasado ano a 100 por neno, que deberán destinarse á adquisición de material escolar —incluído novas tecnoloxías vencelladas ao estudo— e roupa deportiva. O orzamento destinado a estas axudas ascende a 90.000 euros, polo que chegarían a 900 menores, 379 máis dos beneficiarios do pasado curso, cando recibiron a axuda un total de 521 escolares.


A concelleira tamén presentou o borrador das bases reguladoras da concesión de becas de comedor escolar para o próximo exercicio escolar. Pola súa banda, o orzamento destinado ás becas municipais para comedor, que cobren a totalidade do custe das comidas dos escolares, é de 283.000 euros, 3.000 máis que o pasado curso, cando recibiron esta axuda 284 menores.


As axudas están dirixidas aos menores de idade que residan en Ferrol matriculados nun centro de ensino da cidade para cursar educación infantil, primaria, secundaria, bacharelato, formación profesional básica ou formación profesional de grao medio. O obxectivo, dixo a concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, “é axudar a quen o necesite, que ninguén se quede atrás”.


Os solicitantes deberán presentar a súa instancia coa documentación requirida no Rexistro Xeral do Concello ou tramitala por calquera das formas previstas no art. 16.4 da Lei 39/2015 de procedemento administrativo común das administracións públicas. Os interesados poden consultar as bases reguladoras no Taboleiro de Anuncios do Concello, no enlace: https://bit.ly/3hl5kNk.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar