Novas

mércores, 07 de xullo de 2021

O Concello firmou xa 11 convenios con entidades sociais por un importe de máis de 51.000 euros

O alcalde, Ángel Mato, rubricará nos próximos días outros seis con Asociación de Persoas Xordas, Cocina Económica, Teima, Cáritas, ASCM e Aspaneps. En total o goberno local repartirá este ano preto de 500.000 euros entre 42 asociacións de cidade


O Concello firmou xa 11 convenios con entidades sociais por un importe de máis de 51.000 euros

O Concello de Ferrol vén de firmar nas últimas datas un total de 11 convenios coas entidades sociais Agademo (1.200 euros), Proxecto Home (3.000), Adra (3.000), Ex-alcohólicos (9.000), Alcer (7.000), Aspanaes (5.000), Asotrame (2.000), Asociación contra el Cáncer (5.000), Ategal (1.000), Cogami (10.000) e Acción Familiar (5.000) por un importe total de máis de 51.000 euros. Son 11 das 42 subvencións nominativas a entidades sociais que ao longo deste ano vai outorgar o Concello de Ferrol, que en conxunto suman preto de 500.000 euros, o que supón un incremento de 132.600 euros respecto ao anexo de subvencións do pasado ano, tal e como lembrou esta mañá a concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero. 


Nas próximas datas o alcalde, Ángel Mato, vai rubricar outros seis convenios coa Asociación de Persoas Xordas (de 27.000 euros), Cocina Económica (40.000), Teima (35.000), Cáritas (45.000), ASCM (20.000) e Aspaneps (40.000), en total 207.000 euros. 

Ao longo do ano firmaranse o resto ata os 42 convenios que o Concello vai establecer este exercicio co tecido social da cidade. Parte do aumento na contía total respecto ao 2020 débese a que a Cociña Económica, que o ano pasado renunciou a unha axuda de 40.000 euros, recupéraa para poder prestar atención alimentaria de xantares e ceas ás persoas sen recursos. O resto responde a que o goberno local aumenta a asignación a varias entidades que desenvolven un “labor vital para os veciños desta cidade”, apuntou a edil, quen lembrou que as asociacións que reciben subvención son aquelas que, pola súa traxectoria e implicación na cidade, “precisan de axuda económica municipal para poder levar a cabo os fins sociais para os que foron creadas”. 

Incorpórase Provivenda para poñer en marcha dúas vivendas para os sen teito 

Martínez Montero resaltou que na listaxe de entidades que este ano reciben subvención municipal incorpórase Provivenda tendo en conta a necesidade do Concello de dispoñer dun programa de transición á vivenda que permita a atención e a dotación da mesma a persoas en situación de sen fogar. Esta entidade traballa en moitos municipios de España e “conta cunha ampla experiencia e profesionais formados para esta cuestión”, explicou. De aí a subvención de 55.000 euros, que sería o custo de poñer en marcha dito programa, que inclúe habilitar dúas vivendas para persoas sen fogar.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar