Novas

mércores, 07 de xullo de 2021

O Concello inicia o traslado dos fondos do Ateneo á sede da entidade

O concelleiro de Cultura, Antonio Golpe, mostrou a súa satisfacción por poñer solución de xeito definitivo a un problema se prolongou durante varios mandatos


O Concello inicia o traslado dos fondos do Ateneo á sede da entidade

O Concello iniciou hoxe o traslado dos fondos do Ateneo Ferrolán á sede da entidade, un proceso que en canto estea completado, ao longo das vindeiras semanas, poñerá fin a un problema “extremadamente complexo” que se prolongou durante varios mandatos municipais, lembrou o concelleiro de Cultura, Antonio Golpe, durante a visita que fixo esta mañá ao número ao 202 da rúa Magdalena. A Administración local adquiriu este ano a colección do Ateneo despois de chegar a un acordo coa empresa de mudanzas que os tiña depositados dende hai máis dunha década, cando se reformou o edificio da entidade, e logo de que a poxa xudicial coa que quería cubrir a débeda derivada da custodia dos bens quedara deserta. 


Golpe asegurou que é “unha satisfacción” poder devolver os fondos ao seu lugar de orixe, aínda que a partir de agora sexan de propiedade municipal e o Ateneo disporá deles en depósito. O edil, que simbolicamente baixou unha das caixas do camión, avanzou que o Concello e a empresa que se encarga do transporte teñen programado realizar o traslado en varias viaxes que se realizarán en diferentes días para dispor de tempo para organizar e situar as coleccións na sede do Ateneo. Previsiblemente prolongaranse durante un mes. 

Os bens saíron a poxa xudicial en decembro do 2020 e o prazo para presentar ofertas concluíu o 12 de xaneiro, sen que ningunha delas acadase un importe que chegara a cubrir o reclamado pola empresa polos anos de garda. “Dende o goberno local sempre tivemos claro que o camiño máis axeitado para adquirir os fondos era chegar a un acordo”, dixo Golpe o 12 de marzo, cando anunciou a adquisición dos bens, polos que o Concello pagou 60.000 euros. “Xuridicamente, esta é a mellor solución, case que a única que había, para que estes bens con tanto valor cultural e patrimonial sigan pertencendo á cidade. Simplemente pasarán de ser propiedade dunha das entidades máis senlleiras a ser de titularidade pública”, detallou entón.

Valoración de 292.000 euros 
Para a poxa xudicial, os bens dividíranse en oito lotes: a biblioteca, valorada en 60.000 euros; a hemeroteca, en 100.000; a filmoteca, en 8.000; a colección fotográfica, en 15.000; a colección de artes plásticas, en 100.000; o arquivo da entidade, en 5.000; os equipos técnicos, en 2.000, e o mobiliario e material de oficina, en 2.000, o que sumaba un total de 292.000 euros. 

Entre as pezas máis salientables que adquiriu o Concello figuran obras de Segura Torrella, Tomás Barros, Laxeiro, Héctor Francesch ou Sebastiao Salgado. Especialmente importante é a hemeroteca, que conta con exemplares de 500 cabeceiras, entre as que destacan a colección completa e única de Ferrol Diario e El Norte. En canto aos fondos bibliográficos, dende 1989 están cualificados coma “biblioteca de titularidade privada de especial interese para Galicia”. En total, entre a hemeroteca e a biblioteca hai arredor de 10.000 volumes. 


Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar