Novas

xoves, 08 de xullo de 2021

O Concello abre dúas novas exposicións permanentes no Castelo de San Felipe

Hoxe mesmo abriron ao público nas dúas plantas da torre do século XIX da batería baixa as mostras ‘A evolución das defensas da ría’ no período comprendido entre os séculos XVIII e XX e ‘Evolución do Castelo de San Felipe’. Poden visitarse de balde de luns a domingo de 10 a 14 horas e de 16 a 20 horas


O Concello abre dúas novas exposicións permanentes no Castelo de San Felipe

O Concello de Ferrol vén de abrir ao público esta mesma mañá dúas novas exposicións permanentes no Castelo de San Felipe. A torre do século XIX da batería baixa, cuxa rehabilitación rematou hai uns días, acolle na súa planta alta a mostra ‘A evolución das defensas da ría’, con maquetas das rías de Ferrol, Betanzos e Coruña, os seus respectivos baluartes, castelos e baterías así como os seus sectores de fogo e contido explicativo sobre a evolución das defensas entre os séculos XVIII e XX. Tamén conta con fotografías e planos históricos e un proxector para material audiovisual. 


Na planta baixa atópase a exposición ‘Evolución do Castelo de San Felipe’, que inclúe unha maqueta do castelo sobre a que se proxectan imaxes da fortaleza e unha selección de planos históricos que permiten apreciar a súa evolución ao longo do tempo. Tamén conta cun expositor con textos, fotografías e planos históricos. O horario para acceder ás exposicións é o mesmo que o do castelo: de luns a domingo de 10 a 14h e de 16 a 20 horas. 

A entrada é de balde. A rehabilitación da torre (Ben de Interese Cultural, máxima categoría de protección del patrimonio cultural) e a súa adaptación para uso expositivo incluíu tamén a colocación dunha gran cristaleira que proporciona “unhas vistas inmellorables”, apuntou a concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero. As obras forman parte do proxecto internacional MMIAH, que lidera Ferrol e do que forman parte outros oito socios: os concellos de Cádiz, Ílhavo (Portugal), Plymouth e Liverpool (Inglaterra), Caen e La Rochelle (Francia), e os de Limerick e Cork (Irlanda). O seu obxectivo é desenvolver accións orientadas á recuperación e promoción do patrimonio dos municipios participantes.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar