Novas

xoves, 08 de xullo de 2021

O Concello incrementa as axudas escolares debido á crise económica

Por primeira vez inclúe nas bases das becas para comedor aos alumnos de centros de educación especial O orzamento para axudas de comedor ascende xa a 283.000 euros, 3.000 máis que no pasado curso. A contía da axuda municipal á escolarización pasa dos 95 euros por estudante aos 100 para o 2021-2022


O Concello incrementa as axudas escolares debido á crise económica

O Concello de Ferrol abriu onte o prazo de dez días hábiles para presentar as solicitudes para as axudas municipais á escolarización e as becas de comedor escolar, ambas para o próximo curso escolar 2021-2022. A convocatoria pode consultarse no Boletín Oficial da Provincia (BOP) na seguinte ligazón: https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2021/07/06/2021_0000005467.pdf


 A contía da axuda á escolarización pasa dos 95 euros do pasado ano a 100 por neno, que deberán destinarse á adquisición de material escolar —incluído novas tecnoloxías vencelladas ao estudo— e roupa deportiva. O orzamento destinado a estas axudas ascende a 90.000 euros, polo que chegarían a 900 menores, 379 máis dos beneficiarios do pasado curso, cando recibiron a axuda un total de 521 escolares. 

Pola súa banda, o orzamento destinado ás becas municipais para comedor, que cobren a totalidade do custe das comidas dos escolares, é de 283.000 euros, 3.000 máis que o pasado curso, cando recibiron esta axuda 284 menores. 

As axudas están dirixidas aos menores de idade que residan en Ferrol matriculados nun centro de ensino da cidade para cursar educación infantil, primaria, secundaria, bacharelato, formación profesional básica ou formación profesional de grao medio. Por primeira vez, inclúense nas bases os estudantes dos centros de educación especial. O obxectivo, dixo a concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, “é axudar a quen o necesite, que ninguén quede atrás”. 

Os solicitantes deberán presentar a súa instancia coa documentación requirida no Rexistro Xeral do Concello ou tramitala por calquera das formas previstas no art. 16.4 da Lei 39/2015 de procedemento administrativo común das administracións públicas. Os interesados poden consultar as bases reguladoras no Taboleiro de Anuncios do Concello, no enlace: https://bit.ly/3hl5kNk.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar