Novas

xoves, 08 de xullo de 2021

A área destinada ás autocaravanas na praia de Doniños ocupará a zona central dos aparcadoiros situados á beira da estrada

O Concello concluíu a instalación dos sinais que regularán o estacionamento nos areais ferroláns ata finais de setembro


A área destinada ás autocaravanas na praia de Doniños ocupará a zona central dos aparcadoiros situados á beira da estrada

O Concello acaba de concluír a instalación dos sinais que van regular o estacionamento de vehículos nas praias durante a tempada de verán. A intención é que este dispositivo para facilitar a rotación entre os usuarios permaneza ata o 30 de setembro, segundo avanzou o concelleiro de Seguridade e Tráfico, Germán Costoya. A nova sinalización inclúe a destinada á área exclusiva para as autocaravanas, situada na zona central dos aparcadoiros de Doniños localizados á beira da estrada. Trátase dun espazo calculado para arredor de 40 vehículos deste tipo no que poderán permanecer sen a limitación existente nas zonas que teñen restriccións horarias. Próximo a ese punto hai un paseo de peóns que da acceso ao paseo de Doniños e a unha senda que conduce á praia. Ademais, segundo detallou o edil, esta área permanecerá sinalada durante todo o ano. 


Nos demais aparcamentos, os turismos non poderán permanecer máis de seis horas ao día, de xeito que se posibilitará o acceso ás praias a máis usuarios en diferentes momentos da xornada. As autocaravanas que accedan a eles deberán cumprir esa norma como calquera outro automóbil, e aos seus usuarios non lles estará permitido despregar elementos ou instalacións que excedan o volume normal do vehículo, co fin de que non ocupen un espazo que podería ser aproveitado por outros condutores. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar