Novas

xoves, 08 de xullo de 2021

O Consello Sectorial da Muller presenta a candidatura de Paloma Rodríguez ao premio Meninas 2021

A sesión celebrada onte aprobou por unanimidade a proposta da profesora e psicóloga ferrolá para un recoñecemento que organiza a delegación do Goberno en Galicia por mor do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller


O Consello Sectorial da Muller, que onte celebrou unha nova sesión, aprobou por unanimidade propoñer á profesora e psicóloga ferrolá Paloma Rodríguez como candidata a título póstumo ao Premio Meninas 2021, un certame que cada ano desde 2018 organiza a Delegación do Goberno en Galicia por mor do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o 25 de novembro, co fin de recoñecer o labor de distintas organizacións e persoas que destacan pola súa implicación e compromiso en erradicar a violencia contra a muller. 


A concelleira de Muller e Igualdade, Cristina Prados, deu conta esta mañá na comisión informativa de Benestar Social, Igualdade, Muller, Xuventude e Patrimonio Histórico da decisión do Consello, que foi ratificada pola comisión. No ano 2018 recibiu o galardón a Casa de Acollida do Concello de Ferrol. 

A edil tamén deu conta aos grupos da oposición de que o Concello vai celebrar o próximo 15 de xullo un novo obradoiro de balde dirixido á xente nova da cidade, o ciclo ‘Aprende Tie Dye’, de tinguidura téxtil, para veciños empadroados en Ferrol de 14 a 30 anos. Desenvolverase de 9 a 14 horas na Casa da Xuventude e no centro cívico de Canido. Ofértanse 20 prazas, 5 en cada grupo. O prazo de inscrición xa está aberto e remata o día 12. A presentación de solicitudes debe ser a través do Rexistro Xeral do Concello de Ferrol. A selección dos participantes será por rigoroso orde de entrada e o formulario de inscrición atópase no Taboleiro de Anuncios da web municipal, no enlace https://www.ferrol.gal/arquivos/documentos/taboleiro/InscricionObradoiroTinguiduraT extil.pdf

A concelleira apuntou que este obradoiro, que se celebra o Día Mundial das Habilidades da Xuventude, “forma parte do programa de actividades de dinamización e participación co fin de promover a creatividade como punto de encontro entre os mozos e mozas da nosa cidade”. O fin, dixo, é potenciar “unha convivencia e integración sociocultural adecuada e saudable entre rapaces e rapazas”. Prados indicou que o Concello proporcionará todo o material necesario para o desenvolvemento do obradoiro.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar