Novas

venres, 09 de xullo de 2021

Ferrol celebra esta fin de semana o Primeiro Festival Ilustrado do Camiño Inglés con teatro, visitas guiadas, traxes da época, música, pasarrúas e gastronomía

O Concello colabora na iniciativa, que busca recuperar hoxe e mañá o estilo de vida do século das luces. O alcalde, Ángel Mato, acudirá mañá sábado ao acto de entrega de distincións pola difusión da marca Ferrol da Ilustración


A cidade de Ferrol celebra esta fin de semana o I Festival Ilustrado do Camiño Inglés, unha iniciativa de Cites en colaboración co Concello de Ferrol, Deputación de Coruña e O Teu Xacobeo que busca recuperar polas rúas da cidade hoxe e mañá sábado o estilo de vida do século das luces. 


Desde esta tarde, ás 18 horas, ata o sábado pola tarde parte do percorrido do Camiño Inglés, polo barrio da Magdalena, acollerá pasacalles, teatro ilustrado, visitas guiadas, pasarrúas, moda ilustrada, contos da época e música como estratexia para “alimentar o orgullo ferrolán e fomentar a marca de Ferrol como primeiro destino ilustrado, o que reforza a candidatura da cidade a Patrimonio da Humanidade”, apuntou a concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero. Desde o goberno local “estamos a fomentar e apoiar todas as iniciativas que sumen esforzos en enriquecer a nosa proposta para a Unesco”. As actividades son gratuítas e para algunhas é necesaria inscrición previa no correo electrónico info@citesferrol.gal. 

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, acudirá mañá sábado, ás 12.30 horas, á entrega de distincións ás persoas que colaboraran na difusión do Camiño Inglés e do Ferrol da Ilustración, que terá lugar na Praza da Constitución. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar