Novas

venres, 09 de xullo de 2021

O Concello inicia o expediente de ruína de María, 156

O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, anunciou esta mañá que a Administración local executaría medidas de emerxencia no caso de que a propiedade non as leve a cabo. Técnicos municipais inspeccionaron o seu interior a finais de xuño logo que a Administración local recibira unha sentenza que o autorizaba a acceder ao edificio


O Concello inicia o expediente de ruína de María, 156

O Concello de Ferrol vén de iniciar o expediente de ruína do inmoble do número 156 da rúa María tras recibir recentemente a sentenza que o autorizaba a inspeccionar o seu interior. Trátase dun edificio que presenta graves deficiencias e que está rodeado dun valado. O seu deterioro está creando problemas no entorno, polo que dende a Administración local se solicitou á Xustiza poder actuar co obxectivo de poñer fin a esta situación, tal e como indicou esta mañá o concelleiro de Urbanismo, Julián Reina. 


A finais de xuño técnicos municipais accederon ao interior do edificio para avaliar o estado no que se atopa. Trátase dun edificio centenario en situación de abandono carente de obras de conservación ou mantemento. O fin último do Concello, segundo explicou o edil, é garantir á maior brevidade posible tanto a seguridade coma o bo ornato, polo que unha vez que a propiedade reciba a notificación da resolución do expediente esta terá un prazo de 48 horas para levar a cabo medidas cautelares de urxencia: a desconexión da instalación de electricidade e de auga e executar un paso cuberto na fachada para protexer ás persoas fronte a posibles caídas de materiais. Neste caso deberase garantir a iluminación no itinerario peonil e disporase dunha guía ou elemento horizontal inferior que poida ser detectado polas persoas con discapacidade visual e un pasamáns. 

No caso de que non as leve a cabo, serán executadas de xeito subsidiario polo Concello á conta do interesado sen prexuízo das responsabilidades que se lle poda esixir ou mediante a imposición de multas.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar