Novas

venres, 09 de xullo de 2021

José James, Luisa Sobral, Andrea Motis e Antía Muíño actuarán no cuartel de Dores e no castelo de San Felipe dentro do festival Jazz ao Norte

O evento, que se celebrará a derradeira fin de semana de xullo, presentouse esta mañá en Exponav coa participación do alcalde, Ángel Mato; o almirante xefe do Arsenal Militar, Ignacio Frutos, e o concelleiro de Cultura, Antonio Golpe. Os concertos terán como principais escenarios ambos recintos históricos, pero tamén se reservará un deles, de carácter gratuíto, para levalo ao entorno urbano co fin de abrir os recitais a unha maior cantidade de público


José James, Luisa Sobral, Andrea Motis e Antía Muíño actuarán no cuartel de Dores e no castelo de San Felipe dentro do festival Jazz ao Norte

A derradeira fin de semana de xullo, Ferrol converterase na capital do jazz en Galicia. O Concello organiza para os días 29, 30 e 31 o novo festival Jazz ao Norte, que esta mañá se presentou na sala Carlos III de Exponav nun acto que contou coa presenza do alcalde, Ángel Mato; o almirante xefe do Arsenal Militar de Ferrol, Ignacio Frutos, e o concelleiro de Cultura, Antonio Golpe. 


O evento nace co obxectivo de aproveitar unha identidade propia como a da cidade de Ferrol para incluír nel espazos tan singulares como son o cuartel de Dores e o castelo de San Felipe, onde terán lugar tres dos catro concertos que forman parte do cartel. Neste figuran nomes tan destacados no panorama jazzístico como son o estadounidense José James, que pechará o festival o sábado 31 no cuartel de Dores; a portuguesa Luísa Sobral, avaliada cun gran recoñecemento por parte da crítica e autora do tema co que o seu irmán gañou o festival de Eurovisión, que actuará no mesmo recinto o venres 30, e Andrea Motis, unha das intérpretes máis consolidadas do jazz nacional malia á súa xuventude. Ela será a encargada de abrir o programa o xoves 29 no castelo. O festival inclúe tamén un espectáculo no entorno urbano, nun espazo que se concretará nas vindeiras datas en función da evolución das restriccións sanitarias, posto que se trata dun concerto de carácter gratuíto e que está previsto para o sábado 31 ao mediodía. Estará a cargo de Antía Muíño, un dos grandes valores do jazz galego actual e que chegará a Ferrol só uns días despois de pasar polo Festival de San Sebastián. 

As entradas poñeranse á venda proximamente cun prezo de 6 euros para cada un dos recitais do cuartel de Dores. Haberá a posibilidade de adquirir un abono para ambos, por 10 euros. O acceso ao concerto de San Felipe estará incluído exclusivamente no abono de tres días (14 euros), xa que o aforo está calculado en 200 persoas debido ás limitacións actuais, mentres que o cuartel disporá de 500 localidades.

“Unir música e patrimonio” 
Trátase dun cartel que aposta pola calidade, segundo destacou o alcalde, e que permitirá á cidade “subir un chanzo dentro do panorama deste xénero” á vez que se exhibe unha urbe “moi vinculada á súa historia, pero tamén aberta a novas tendencias”. Ángel Mato asegurou que o festival “foi concibido para unir música e patrimonio e poñer a este en valor”, motivo polo que o Concello apostou por solicitar a inclusión do cuartel de Dores entre os espazos para a súa celebración. “Encaixa á perfección nesta iniciativa”, afirmou o rexedor tras agradecer ao almirante e ao coronel comandante do Tercio Norte a súa boa disposición para facer posible a inclusión dese espazo no programa. Mato destacou a importancia de eventos coma este para afondar nos vínculos entre a cidadanía e a Armada, “xa de por si moi fortes”. 

Insistiu nese agradecemento o concelleiro de Cultura, e explicou que a idea do festival comezou a madurarse xa o ano pasado, pero que debido á pandemia quedou entón aprazada. Para Golpe, o jazz tense convertido dende hai algúns anos “nun clásico” do verán en Ferrol, polo que neste momento se buscou “formular un reto maior e buscar un deseño de festival moi ligado ao territorio” e co que “presumir de patrimonio”.  

Compromiso da Armada coa cultura 
Pola súa banda, o almirante expresou a súa satisfacción porque con esta colaboración móstrase a idea de que “a Armada é Ferrol e Ferrol é a Armada”. Por iso, incidiu no seu “compromiso total” e o da Armada á hora de impulsar “todas as iniciativas en beneficio de patrocinar Ferrol e a súa cultura”. 

O productor Carlos Montilla, encargado polo Concello da dirección do festival, cualificou de “privilexio” celebrar Jazz ao Norte en espazos “tan singulares” cos que poder ofrecer ao público, ademais de música, “unha historia”. Así, confía en que esa unión entre a calidade do cartel e a riqueza do patrimonio ferrolán empuxe a “vocación internacional” coa que nace o festival, ademais de ter un “espírito aberto”. “Aspiramos a que a cidade se converta nun futuro moi próximo nun referente nacional e internacional pola súa calidade”, afirmou.





Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar