Novas

sábado, 10 de xullo de 2021

O Concello remata a praza do primeiro tramo de Espartero, que pasará a ser peonil


O Concello remata a praza do primeiro tramo de Espartero, que pasará a ser peonil

FERROL, 10 DE XULLO. O Concello de Ferrol vén de rematar as obras de reurbanización do primeiro tramo da rúa Espartero, en Ferrol Vello, entre a estrada Alta do Porto e a rúa Mercé. A primeira parte, na que se acondicionou unha praza desde a estrada Alta do Porto ata Baterías, pasou a ser peonil en plataforma única, conta con catro árbores e nas próximas datas colocaranse catro bancos co fin de “completar a humanización do espazo e a súa recuperación para os veciños”, tal e como explicou o concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, quen lembrou que para evitar o paso de vehículos se colocaron varios maceteiros. O proxecto de reurbanización da rúa Espartero cumpre así unhas condicións urbanísticas que, xunto coa intervención que o Concello está a levar a cabo na rúa Carmen Curuxeiras, tamén en Ferrol Vello, marcarán a nova tipoloxía do barrio. Trátase dunha intervención cofinanciable polo Fondo Europeo de Desarrollo Regional (Feder) no marco do Programa Operativo Plurirregional de España Feder 2014-2020 ao abeiro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (Edusi) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”. O proxecto foi adxudicado por 473.830.78 euros e o financiamento corresponde nun 80 % aos fondos europeos e nun 20 % ao Concello.

Na actualidade os traballos estánse a centrar entre a rúa Mercé e o cruce coa rúa San Antonio, onde xa se está a intervir no firme para pasar tamén a plataforma única aínda que con diferente pavimento: lousas de granito para peóns e adoquín para vehículos. Aproveitaranse as lousas históricas na medida do posible e o novo material que se necesite será de similares características. Tamén se están a renovar as instalacións de saneamento e abastecemento de auga e se están a facer canalizacións para soterrar o tendido eléctrico. O proxecto contempla tamén a instalación do novo alumeado acorde co de Ferrol Vello. O Concello está a traballar de xeito coordinado “co fin de que as obras xenen as menores molestias aos veciños do barrio”.

Un nexo entre dous barrios históricos da cidade

O proxecto forma parte dunha serie de actuacións que van dirixidas a revitalizar o barrio de Ferrol Vello, para que vaian da man as iniciativas que se desenvolven no eido residencial coas que o Concello acomete nos espazos públicos. A intención do goberno local é seguir desenvolvendo as reurbanizacións que estaban previstas no Plan Especial de Ferrol Vello e darlle un pulo importante ao barrio ao tempo que impulsar a dinamización dunha rúa, a de Espartero, como “nexo entre dous barrios históricos” da cidade: A Magdalena e Ferrol Vello, apuntou o concelleiro.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar