Novas

sábado, 10 de xullo de 2021

O alcalde e a concelleira de Patrimonio Histórico entregaron as distincións do primeiro Festival Ilustrado do Camiño Inglés

Ángel Mato destacou durante o acto, celebrado esta mañá na praza da Constitución que a iniciativa de Cites, a cal conta co apoio do Concello, pon en valor “todo aquelo que fai de Ferrol unha cidade con personalidade”


O alcalde e a concelleira de Patrimonio Histórico entregaron as distincións do primeiro Festival Ilustrado do Camiño Inglés

FERROL, 10 DE xullo. O alcalde, Ángel Mato, e a concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, participaron esta mañá na entrega das distincións concedidas polo Centro de Iniciativas Turísticas, Económicas e Sociais de Ferrol (Cites) a diversas persoas e entidades que se destacaron na comunicación, divulgación e promoción dos valores culturais e patrimoniais cos que conta a cidade. No acto, que formaba parte do primeiro Festival Ilustrado do Camiño Inglés, tamén tomou parte a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

Os galardoados nesta primeira edición foron Isidoro Valerio, “polo seu traballo na comunicación do que é e do que ofrece e ocorre en Ferrol”; Manuela Santalla, “polas súas obras e libros sobre o Ferrol da Ilustración e, especialmente, sobre os traballos relacionados coa vida e o traballo da cidade no século XVIII”; Pepe Perales, “polo seu traballo na promoción do Camiño Inglés, a través da Asociación para a Promoción do Camiño Inglés”, e Reyes Lage, “en nome do Foro Ferrol Vivo, pola posta en valor do patrimonio da primeira milla do Camiño Inglés dende Ferrol”.
O rexedor destacou durante a súa intervención que o festival pon en valor “todo aquelo que fai de Ferrol unha cidade con personalidade”, especialmente o seu patrimonio. A iniciativa de Cites, que conta co apoio do Concello, afonda, dixo Mato, “na identidade e na historia de Ferrol, e, sobre todo, invita a que o visitante goce de todo o que ofrece a cidade”.
O primeiro Festival Ilustrado do Camiño Inglés, que tamén conta coa axuda da Deputación de Coruña e O Teu Xacobeo, recuperou durante dous días polas rúas da cidade o estilo de vida do século das luces. Onte e hoxe o percorrido do Camiño Inglés, polo barrio da Magdalena, acolleu pasarrúas, teatro ilustrado, visitas guiadas, moda ilustrada, contos da época e música como estratexia para “alimentar o orgullo ferrolán e fomentar a marca de Ferrol como primeiro destino ilustrado, o que reforza a candidatura da cidade a Patrimonio da Humanidade”, apuntou a concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero. Desde o goberno local “estamos a fomentar e apoiar todas as iniciativas que sumen esforzos en enriquecer a nosa proposta para a Unesco”, engadeu.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar