Novas

luns, 12 de xullo de 2021

O Concello celebrará en marzo a feira turística ‘Expocidades’, que engloba ás urbes do Eixo Atlántico

A candidatura de Ferrol foi aprobada polos integrantes do organismo transfronteirizo logo de que a presentara a concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero


FERROL, 12 DE XULLO. Ferrol vai acoller os días 18, 19 e 20 de marzo de 2022 a Feira Turística ‘Expocidades’, que busca promover o turismo de proximidade entre as preto de 40 localidades e deputacións galegas e portuguesas que forman parte do Eixo Atlántico. Cada edición celébrase nunha das cidades que integran o organismo, aínda que este exercicio 2021 non se levou a cabo. Lugo, Pontevedra, Viana do Castelo, Vila Real e Braga foron as anfitrioas das edicións anteriores.
‘Expocidades’ pretende dar a coñecer as cidades do Eixo no seu mercado “inmediato” ao tempo que “potenciar a relación entre produtores turísticos e os propios operadores e axencias de viaxes do territorio”, explicou esta mañá a concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, quen esta mesma semana presentou de xeito telemático ao resto de integrantes do Eixo a candidatura de Ferrol, que foi aprobada. O evento desenvolverase no Cantón de Molíns, onde se instalarán casetas que acollerán información e produtos turísticos de cada cidade participante. A edil anunciou que xa está aberto o prazo para que se inscriban as localidades e deputacións interesadas en participar. Será un “mercado interesante, de proximidade, a través do cal nos achegaremos a Portugal e Portugal a Galicia”, apuntou a edil. Coincidirá, ademais, coa celebración das Pepitas 2022. 
Ferrol, como cidade anfitrioa, vai desenvolver un programa complementario de actividades co fin de promover especialmente o Camiño Inglés ou a marca do Ferrol Ilustrado, entre outros recursos da cidade.


Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar