Novas

luns, 12 de xullo de 2021

O Concello iluminará mañá a fachada do Jofre con motivo do Día Internacional do Sarcoma

As luces, de cor dourada, prenderanse ás 21.00 horas


FERROL, 12 DE XULLO. Con motivo do Día Internacional do Sarcoma, que se celebra mañá, 13 de xullo, o Concello de Ferrol iluminará con cor dourada a fachada do Teatro Jofre. Farao a petición da Asociación Sarcomas de Galicia (Asarga), que puxo en marcha unha campaña para concienciar sobre os problemas que enfrontan as persoas afectadas por este mal. Deben, por un lado, “lidar cun cancro, e por outro, loitar contra unha enfermidade rara”, explican dende a entidade.
O sarcoma, lembran dende Asarga, é un tipo de cancro moi pouco frecuente, caracterizado por un tumor maligno que se localiza nos ósos e nos tecidos brandos do organismo. Inciden tamén en que é moi importante saber identificar os síntomas de alerta que xera un sarcoma, xa que non son facilmente localizables nin evidentes: un simple vulto, unha inflamación e dor localizado nos ósos son algúns dos que poden pasar desapercibidos e dar lugar a un mal diagnóstico ou a un tardío. Por ese motivo “é fundamental informar e sensibilizar á poboación acerca deste tipo de cancro, xa que posúe máis de 150 variedades recoñecidas pola Organización Mundial da Saúde”, indican. Tamén consideran primordial “chegar á poboación nova, xa que moitos destes sarcomas son frecuentes na nenez e na xuventude”.
Asarga realizará un directo ás 19.00 horas dende a conta de Instagram @Asar.ga con Gloria Cerezo, autora do libro O día que decidiches non morrer, e Susana Márquez, nai da moza Izarbe Gil, quen levou a cabo a campaña en redes sociais Xirasoles para Izarbe co obxectivo de darlle visibilidade ao sarcoma de Ewing.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar