Novas

luns, 12 de xullo de 2021

O pleno debaterá este xoves os Orzamentos, que superan os 86,8 millóns

A Comisión de Economía, Facenda, Emprego e Recursos Humanos ditaminou o documento en sesión extraordinaria


FERROL, 12 DE XULLO. O goberno local someterá este xoves á corporación municipal a aprobación inicial dos Orzamentos para o 2021. Será nun pleno extraordinario que comezará ás 18.00 horas. O documento pasou esta mañá o trámite previo, o seu ditame por parte da Comisión de Economía, Facenda, Emprego e Recursos Humanos, que se reuniu en sesión extraordinaria. Os representantes de FeC e BNG pronunciáronse a favor. Presidiu a reunión a concelleira Eva Martínez Montero. Trasladoulles aos grupos políticos as principais cifras dunhas contas que van chegar aos 86.869.243,11 euros, o que supón un incremento do 25,58 % respecto das do 2018. En números absolutos, un aumento de 17.696.981,29 euros sobre os 69.172.261,29 que acadaban os últimos presupostos aprobados polo pleno.
Martínez Montero destacou que a suba prevista nos ingresos derívase principalmente de endebedamento por algo máis de 14,6 millóns de euros destinados a investimentos reais, co que a débeda líquida do Concello se situaría en 26,24 millóns, dentro dos niveis legais permitidos. A edil destacou tamén o aumento do financiamento alleo, procedente da Edusi, a Agader, a Deputación ou o 1,5 % cultural do Ministerio de Transportes.
O Orzamento para este 2021 é “o máis elevado que presenta a cidade de Ferrol”, en palabras do alcalde, Ángel Mato, no día que se deu a coñecer o primeiro borrador. O rexedor afirmou naquel momento que as contas reflicten “o proxecto de cidade deste goberno”, nun documento “moi ambicioso, centrado nunha política anticíclica” e baseado no capítulo de investimentos “garantindo que o gasto ordinario se contén na medida do posible”, aínda que “contemplando sempre os fondos necesarios para garantir os servizos que o Concello ten pendente de contratar”. 
Mato destacou que a situación económica na cidade como consecuencia da pandemia require “un esforzo extraordinario” á hora de dinamizar a actividade, polo que a proposta “implica que o Concello asuma o mesmo esforzo económico que tamén lle está esixindo ao resto das Administracións”. Neste senso, puntualizou que é necesario levar a cabo unha “política económica expansiva para contribuír á saída da crise”, un obxectivo que “contempla o proxecto de orzamentos”. 

Segundas contas elaboradas polo goberno  local
O alcalde puntualizara tamén que é a segunda vez que o goberno local elabora uns Orzamentos, xa que os primeiros presentáronse a comezos do pasado exercicio, pero as negociacións para sacalos adiante paralizáronse co acordo de todos os grupos políticos ante a irrupción da pandemia mundial da covid-19. O anexo de investimentos recolle os proxectos que “queremos abordar de aquí ao final de mandato”, varios deles, pola súa envergadura, repartidos en varias anualidades. Entre eles está o proxecto para a reurbanización da rúa Igrexa, a humanización do primeiro quilómetro da Estrada de Castela, a rehabilitación de vivenda en Recimil e a dos catro inmobles que conforman a casa de Carvalho Calero; a rúa San Francisco; o derrumbamento da nave provisional do mercado da Magdalena ou a reurbanización das rúas Manuel Belando e Nova de Caranza. Recolle tamén dotación económica para executar os proxectos de acondicionamento do parque de personaxes populares e o de Fontelonga e para continuar coa rehabilitación de Recimil, un proxecto que está en marcha dende hai varios anos e que “debe ter continuidade”. 
Mato destacou naquel momento que a partida de Benestar Social pasaba de 4,9 millóns de euros a 5,2 e a de Cultura e Educación de 5,3 a 5,5, mentres que tamén se destinarán “importantes partidas” a eficiencia enerxética e mellora da Administración electrónica. E explicou que o Concello quere mobilizar arredor de 1.300 euros por habitante neste exercicio, unha proposta que convertería a Ferrol na cidade co maior gasto por veciño proporcionalmente. Vai ser o orzamento “máis alto das cidades galegas, e vai ser así porque Ferrol o necesita”, dixo. 

Proxectos acordados durante negociacións
A estas grandes liñas sumáronse nas derradeiras semanas as acordadas polo goberno local e as forzas políticas e que están incluídas “de xeito específico” no documento, dixo hoxe Martínez Montero. No que se refire ao pactado con FeC, inclúense puntos tales como a execución da quinta fase de pasos de peóns accesibles, a instalación dun elevador no aparcadoiro do Cantón, o desenvolvemento de plans sociocomunitarios en Recimil e San Pablo, o estudo dunha renda municipal básica, o incremento dos fondos de emerxencia social de cara ao orzamento do 2022, a incoación do expediente dun novo regulamento de participación cidadá, un proxecto construtivo para a praza de Rosalía de Castro, un local social para o barrio de Ultramar, a reurbanización de Pardo Baixo, a rehabilitación de interiores de vivendas públicas de Recimil, un proxecto de nova urbanización para a praza Vella, a reconfiguración do proxecto da casa de Carvalho Calero, a redacción do proxecto de rehabilitación da Casa do Patín, a posta en marcha dun servizo de rozas municipal cunha cuadrilla permanente, a inclusión do saneamento do río da sardiña e do inicio do saneamento do rural no orzamento do 2022, o desenvolvemento dun plan para a implantación de iluminación pública de baixo consumo no rural e o desenvolvemento dun proxecto integral para a zona deportiva marítima da Cabana nas contas do 2022, que tería como paso previo pequenas intervencións xa este ano.
O acordo co BNG recolle un incremento dos investimentos en varios barrios, como poden ser a recuperación e rehabilitación do mercado municipal de Recimil, distintas intervencións en Santa Icía e Brión, a mellora do parque infantil da praza do Inferniño, a recuperación da zona verde do parque do Montón, en Caranza, e converter a casa Carvalho Calero nun “referente” tanto para o barrio de Ferrol Vello como para a cidade e para Galicia. Tamén se incorpora unha partida para a prestación directa do servizo de rozas do rural, que realizarían durante todo o ano operarios municipais con maquinaria especializada.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar