Novas

mércores, 14 de xullo de 2021

Ferrol acollerá entre mañá e o domingo a cuarta edición do festival da cervexa artesá

Os expositores ofrecerán as súas elaboracións na praza da Constitución entre as 12.00 e as 0.00, coa 1.00 como hora límite para pechar os postos en cumprimento da normativa


Ferrol acollerá entre mañá e o domingo a cuarta edición do festival da cervexa artesá

FERROL, 14 DE XULLO. A cidade volverá acoller a partir de mañá o Ferrol Beer Festival, a feira que organizan a Asociación Galega de Cervexeiros Artesáns e La Ferrolana. Na que vai ser a cuarta edición do encontro, está previsto que participen nove produtores que van poñer á venda na praza da Constitución 70 elaboracións diferentes. Tamén haberá cinco food trucks que servirán dende salchichas ata crepes, hamburguesas, ou tex mex, ente outros pratos.

Na xornada inaugural, o festival abrirase ás 18.00 horas, pero o resto dos días, ata o domingo, o horario será de 12.00 a 0.00, momento no que se comezará a deter a actividade para cumprir coa obriga de ter completamente pechados os postos á 1.00.

Esta mañá presentouse no Concello o que pretende ser un festival “de carácter familiar”, xa que contará cun espazo de xogos de madeira para todas as idades e música ambiente, segundo explicaron os promotores. O concelleiro de Mercados, Germán Costoya, expresou a súa satisfacción por que “este tipo de iniciativas se sigan desenvolvendo” e mostrou o seu recoñecemento aos organizadores pola “valentía” que mostran ao continuar coa súa actividade “en tempos tan complicados”. O edil dixo tamén que o festival é un dos eventos que se destacan por “darlle vida á nosa cidade”, motivo polo que o Concello lle presta apoio á iniciativa, ao tempo que animou á veciñanza a visitar a feira, porque “ademais de pagar a pena en si, estamos apoiando aos nosos emprendedores”.

Pola súa banda, o presidente da Asociación Galega de Cervexeiros Artesáns, Esteban Loureiro, deulle as grazas ao concelleiro “porque ter o apoio do Concello é importantísimo para empresas pequenas coma as nosas”. “Trataremos de que a xente estea igual de segura que na súa casa”, afirmou, e explicou que por ese motivo a feira terá un formato “un pouco más reducido que en outras edicións” e disporá de mesas co obxectivo de que “todo o mundo estea sentado”.

Alberto Castro, socio fundador de La Ferrolana, insistiu tamén en que a feira vai ser un evento seguro “no que se contemplan todas as medidas oportunas”. Entre elas, realizaranse controis de temperatura á entrada do recinto, ofrecerase xel desinfectante, haberá accesos e saídas separadas, disporase a distancia necesaria entre mesas, procederase á desinfección das mesmas e o número de persoas que poden coincidir no festival estará limitado.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar